Información sobre o Consello Xeral de FP no que a CIG-Ensino pediu unha Mesa Sectorial docente para abordar a reforma da FP e o Ministerio remitiu a "realizar axustes nas comunidades autónomas"
Na reunión da Permanente deste órgano que conta con representación do Ministerio, as CCAA, as patronais e os sindicatos, abordáronse varios Poxectos de RD de certificados profesionais, cursos de especialización e dos diplomas de LSE.
A CIG-Ensino aproveitou a reunión da Comisión Permanente do Consello Xeral de FP, na que está presente por ser o sindicato máis representativo en Galiza, para trasladar diversas achegas sobre a convalidación da titulación superior de Intérprete de Lingua de Signos por un nivel C2 nesta lingua e para solicitarlle á secretaria xeral de FP que se fagan públicas as auditorías realizadas sobre o uso dos fondos públicos para a potenciación da Formación Profesional nos últimos anos, se controle a proliferación de centros privados e se analice todo aquilo que poida ser susceptible de axustar na normativa estatal para que a calidade destas ensinanzas non se vexa deteriorada.
A secretaria xeral de Formación Profesional, Esther Monterrubio, admitiu que existe preocupación pola proliferación de centros privados que poidan non cumprir os requisitos de espazo, formación do profesorado e medios para ofertar titulacións con calidade pero lembrou que a maioría están autorizados polas administracións autonómicas. Tamén sinalou que "é neste marco no hai que realizar os axustes que sexan necesarios na aplicación da reforma da FP", despois de que a representante da CIG-Ensino lle solicitara unha Mesa Sectorial docente específica para abordar que se pode emendar da normativa estatal co fin de que non se deteriore tanto a calidade dos grados D. A representante ministerial citou en varias ocasións na súa intervención que a modificación do RD 659/2023 "eran palabras maiores" e que había flexibilidade para a aplicación da norma. Neste sentido, a responsábel de FP do sindicato galego indicou que o profesorado galego leva secundando este curso tres días de folga en boa medida por non estar de acordo con como se está xestionando esta reforma derivada da interpretación que fixo a Xunta da normativa estatal a respecto da formación na empresa, os módulos optativos, a reorganización horaria dos currículos ou a avaliación.
Durante a reunión tamén se informou da finalización dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para Acreditacións de Competencias Profesionais mediante a experiencia profesional, despois de que a representante sindical de Galiza insistira en que é necesario coñecer as auditorías que se realizan sobre o financiamento desde o inicio da chamada "revolución da Formación Profesional" das actuacións realizada tanto por partidas como por territorios. Nun plano máis orgánico tamén se fixou que na nova Comisión Estratéxica da FP tamén haberá representación da CIG-Ensino malia contar cun número de 15 membros acadándose o acordo de que a secretaría sería rotatoria.
Como novidade para Galiza tamén se deu conta do recente recoñecemento do CIFP Universidade Laboral de Culleredo como Centro de Excelencia en Formación Profesional uníndose así xa aos centros integrados que contan con esta distinción: o Ánxel Casal da Coruña, As Mercedes de Lugo, Carlos Oroza de Pontevedra, Politécnico de Santiago e Someso da Coruña.
Proxectos de Real Decreto a consulta
Na reunión deste órgano consultivo sometéronse a debate varios Proxectos de Real Decreto polos que se fixan os currículos e as ofertas dos graos B e A incluídas en cada un dos seguintes títulos:
- Curso de especialización de Formación Profesional de Grao Medio en Montaxe integral e mantenimiento de bicicletas, da familia profesional de Transporte e Mantemento de Vehículos.
- Certificado profesional en Procedementos e técnicas de micropigmentación, da familia profesional Imaxe Persoal.
- Certificado profesional en Cultivo e traballos en palmeiras, da familia profesional Agraria.
- Certificado profesional en Asistencia á atención clínica en centros veterinarios, da familia profesional Agraria.
Con respecto a este último, a CIG-Ensino considera que é un paso importante pero aínda insuficiente para atender a cada vez maior demanda de auxiliares de veterinaria e que debería aproveitarse o traballo feito para crear unha titulación de Grado D, como ocorre co CM de Auxiliar de Enfermaría, por exemplo.
Diplomas de Lingua de Signos
También se someteu a consulta o Proxecto de Real Decreto polo que se establecen os Diplomas de Lingua de Signos Española (DLSE). Ligazón.
Esta norma pretende estabelecer os diplomas que acreditarán o nivel de competencia e dominio da lingua de signos española, organizándoos nos seis niveis descritos polo Consello de Europa no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), é dicir, A1, A2, B1, B2, C1 e C2 e foi elaborada pola Secretaría de Estado de Educación. Pasou polo Consello Xeral de FP dado que propón a convalidación dos módulos profesionais Lingua de Signos e Ámbitos da lingua de signos por un nivel B2 ou superior co Diploma de Lingua de Signos española (DLSE).
Atendendo ás múltiples achegas recibidas polo colectivo de intérpretes de lingua de signos e profesorado especialista desta especialidade a CIG-Ensino solicitou que se tome en consideración a convalidación do antigo título superior en Intérprete de Lingua de Signos por un nivel C2, dado que do total de 2.000 horas do ciclo a carga horaria dos módulos integramente dedicados a esta disciplina, sen contar a FCT, sumaba 1.275 horas. Tendo en conta que esta é a formación máis completa que se podía obter até o momento, agás as titulacións de grao que só se ofertan en dúas universidades de Madrid e Barcelona de Tradución e Interpretación e Lingua de Signos Española e Comunidade Sorda, parece lóxico presentar esta solicitude.
A secretaria xeral de FP aceptou que se poida abrir esta discusión pero non só centrándoa no que ten que ver coa carga horaria do título senón cunha análise a fondo do currículo do mesmo. A CIG-Ensino remitiu esta e outras achegas posteriormente por escrito ao Ministerio.
Ademais con respecto ao artigo 6.6 que menciona as sedes nas que se realizarán as probas de certificación destes niveis indicouse a posibilidade de que poidan acoller as Escolas Oficiais de Idiomas as probas de certificación, aínda que a norma indica que se faría baixo a coordinación do Real Patronato sobre Discapacidade.
Por último, a representante sindical galega sinalou que tanto no preámbulo como no artigo 8.2 se fai fincapé en que estes diplomas terán a mesma valoración que os certificados oficiais de nivel de ensinanza de idiomas de réxime especial nos procesos de baremación de méritos que poidan fixar as administracións públicas. Polo tanto, o Ministerio debería incorporalos a todas as convocatorias propias dirixidas ao profesorado e tamén nos baremos do concurso-oposición docente e no Concurso Xeral de Traslados para o que debe modificar os Reais Decretos pertinentes.
Con respecto a estas dúas peticións a secretaria xeral de FP considera que a redacción permite que se realicen as probas en distintas sedes descentralizadas, sexa cales for, e que cando se fala de mesmos efectos debería garantirse que estes diplomas teñan esa mesma valoración en todos os baremos de méritos que o resto de linguas.
A máxima responsábel da FP a nivel estatal presentou brevemente o borrador da Estratexia xeral de orientación profesional dentro do sistema da FP que nos será remitido ás organizacións sindicais e ao resto de membros do Consello Xeral de FP en breve.
Outras modificacións
Como é habitual o Ministerio aproveitou este Proxecto de Real Decreto para modificar outros Reais Decretos, en concreto o RD 1085/2020, de 9 de diciembre, polo que se estabelecen convalidacións de módulos profesionais dos títulos de Formación Profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa aplicación e tamén o RD 1147/2011, de 29 de xullo, polo que se estabelece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo engadindo unha disposición adicional para fixar a conversión de cualificacións cualitativas en numéricas de estudos oficiais de Formación profesional cursados en plans anteriores á LOXSE (1990). De forma que a conversión queda como segue:
- Suficiente: 5,5.
Ben: 6,5. - Notable: 8.
Sobresaínte: 9.
Matrícula de Honra: 10.
E engádese unha apreciación sobre o cálculo da nota media que será "a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas tras a conversión estabelecida no punto anterior, expresada con dúas cifras decimais por redondeo á centésima máis próxima; e, en caso de equidistancia, á superior. Nos supostos nos que consten materias convalidadas, estas cualificaranse con un 5, a efectos da obtención da nota media".
Por último tamén se modifica o Anexo III para convalidar o módulo 0623 Xestión Económica e financeira da empresa para todos os títulos con Empresa e Iniciativa Emprendedora regulados pola LOE precisamente por este módulo Empresa e Iniciativa Emprendedora e no caso de "Comercio e marketing" o módulo 0623 pasa a convalidarse polo 1227 Xestión dun pequeno comercio. Dada que esta modificación normativa é bastante inusual cómpre facer difusión da mesma entre o persoal administrativo, de orientación e as direccións dos centros de FP que normalmente se encargan de asesorar o alumnado no tema das convalidacións.
Novas relacionadas

