Convocadas tres xornadas de folga neste primeiro trimestre por todas as organizacións sindicais con representación no ensino concertado

Ante a actitude do conselleiro de Educación e a falta dun calendario de negociacións na Mesa Tripartita da concertada, haberá un calendario de mobilizacións

Despois de que a folga do 9 de setembro fose amplamente secundada e as concentracións nas principais cidades galegas resultasen multitudinarias -malia os servizos mínimos abusivos impostos pola Consellaría que dificultaron o exercicio do dereito á folga- as traballadoras e traballadores do ensino concertado galego dixeron basta. E cal foi a resposta da Xunta? Silencio, desprezo e bloqueo, así como unha total irresponsabilidade ao forzar tal situación e actuar só con fins economicistas.

A Consellería segue sen atender as  reivindicacións e négase a abrir un verdadeiro proceso de negociación. Tampouco está a cumprir coa súa obriga de garantir unha interlocución efectiva a través da Comisión Tripartita do Ensino Concertado, que debe funcionar como un espazo real de diálogo e negociación e non como unha mera reunión informativa.

Se a Consellería non ten calendario de negociación, as organizacións sindicais si teñen calendario de mobilización. E este irá in crescendo ata que se dignen a sentarse a negociar.

NOVAS XORNADAS DE FOLGA:

6 DE OUTUBRO · 10 DE NOVEMBRO · 15 DE DECEMBRO

O 6 de outubro, ademais, haberá unha manifestación nacional en Santiago de Compostela ás 11:30 horas.

O percorrido será comunicado proximamente e haberá autobuses desde as principais cidades galegas. Para anotarse o persoal interesado pode chamar por teléfono ou escribir aos correos electrónicos dos locais comarcais desde os que vaiades viaxar: https://www.cig-ensino.gal/locais.html

O colectivo reclama o que é lexítimo: respecto, negociación, cumprimento dos acordos e unhas condicións laborais e salariais dignas.

Por todo o exposto, reivindican:

-A convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do ensino concertado e a apertura de negociacións sobre os numerosos temas que permanecen pendentes, establecendo unha calendarización para os próximos anos dos acordos que deben ser asinados.

-Desbloqueo dos Acordos de homologación salarial e desenvolvemento profesional, incluíndo:

-Aboamento dos complementos de coordinación, titorías, dinamización lingüística e outros.

-Complementos de cargo.

-Paga extraordinaria de antigüidade.

-Redución da carga lectiva.

-Mellora do acordo de xubilación parcial con contrato de relevo, incorporando a todo o persoal.

-Un verdadeiro acordo de mantemento do emprego.

-Financiamento dun complemento autonómico para o Persoal de Administración e Servizos (PAS).

O sector comprende uns 7.000 profesionais que sosteñen cada día unha parte esencial dun servizo público financiado con fondos públicos. Non se trata de profesionais de segunda nin aceptan ser tratados como profesionais low cost.

A Xunta presume de calidade educativa e esquece que non hai educación de calidade sen profesionais dignamente valorados e retribuídos.

Se non queren escoitarnos nunha mesa, terán que escoitarnos nas rúas!!

O 6 DE OUTUBRO, VOLVEMOS PARAR. TODAS E TODOS A SANTIAGO.

O 10 DE NOVEMBRO, VOLVEMOS PARAR.

O 15 DE DECEMBRO, VOLVEMOS PARAR.

Volver