Convocada reunión informativa da conselleira de Educación con representantes sindicais e de federacións de ANPAS

A reunión terá lugar o mércores 13 ás 17 horas co mesmo formato protocolario da única reunión mantida pola titular da Consellaría coa comunidade educativa desde o comezo da pandemia

A reunión convocada pola conselleira Carme Pomar será na véspera do encontro que a responsábel educativa da Xunta manterá coa ministra de Educación e as demais conselleiras e conselleiros. Desde este punto de vista a CIG-Ensino entende como positivo que a reunión teña carácter previo para que a conselleira non teña dúbidas de cales son as propostas que as organizacións sindicais e de pais e nais temos ao respecto dos temas que máis preocupan tanto ao profesorado como ao conxunto da comunidade educativa: o remate do curso escolar, a protección da saúde de todo o persoal que teña que acudir aos centros de traballo, a organización da ABAU ou as previsións que a Xunta poida ter para o inicio do curso escolar 2020/21.

A CIG-Ensino trasladará á reunión a queixa que nos levou a presentar unha denuncia en materia de prevención de riscos laborais, coa incorporación nesta semana de diferente persoal aos centros docentes sen que exista un protocolo e unha valoración de riscos e dos postos de traballo, coa demanda de que se negocie de inmediato e de que a administración asuma a responsabilidade que lle corresponde, xa que baixo ningún concepto se pode entender que unhas simples “recomendacións sanitarias” sen carácter normativo poidan servir para organizar a reincorporación de parte do persoal aos centros e cumprir cos requisitos en materia de saúde laboral.

Igualmente insistiremos en que o profesorado e o alumnado non deben incorporarse aos centros docentes neste final de curso se non é con todas as garantías, ao tempo que consideramos que baixo ningún concepto a escola debe ser considerada como un elemento asistencial para suplir as carencias dun sistema laboral que vive de costas á conciliación laboral e familiar. 

Agardamos poder contar nesa reunión, malia un formato que non permite unha interlocución seria, coas propostas que a Xunta vai levar á reunión,  especialmente no que ten a ver co comezo do curso escolar. Demandaremos, asemade, que se convoque Mesa Sectorial nos días seguintes para traballar sobre todos estes temas e cesar xa no bloqueo da Xunta á poñer en común as medidas que debemos adoptar para facer fronte a realidade provocada pola pandemia e as novas fases nas que entraremos.

Volver