Convocada folga parcial no ensino concertado o primeiro día de curso e concentracións en cinco localidades galegas

En Galiza traballan arredor de 7.000 persoas neste sector que reclaman á Consellaría de Educación a convocatoria da mesa tripartita para negociar a equiparación laboral e salarial facendo especial fincapé no horario lectivo.

Todas as organizacións con representación no ensino concertado galego veñen de convocar mobilizacións para este inicio de curso que terán o seu colofón cun paro laboral de 9 a 12 horas da mañá o primeiro día de curso e concentracións ese mesmo día ás 10 da mañá diante das Delegacións Territoriais da Consellaría de Educación na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo e diante da sede central en San Caetano.

A campaña de mobilizacións deu comezo hoxe co envío dun comunicado asinado por todas as organizacións convocantes a toda a comunidade educativa do ensino concertado, que representa un terzo da educación en Galiza. Nel incídese en que a Consellaría desoeu até agora todas as peticións de reunión para desbloquear tanto os acordos de mellora das condicións laborais como o abono da paga extraordinaria de antigüidade ou os complementos de cargo desde hai 17 anos. Aluden a que "levamos anos soportando situacións de desigualdade, incumprimento de acordos, perda do poder adquisitivo, falta de recoñecemento e condicións laborais que non se corresponden coa responsabilidade do noso traballo, e sempre coa escusa da falta de recursos" e inciden en que é preciso unha igualdade de dereitos reais con outros ámbitos do sector educativo. 

En concreto, sinalan que "resulta especialmente indignante comprobar como aproban reducións da carga lectiva ata as 18 horas en Secundaria e as 23 horas en Infantil e Primaria para o ensino público, mentres miles de docentes do ensino concertado seguimos asumindo, con sorte, 25 horas lectivas semanais. É unha situación que evidencia, unha vez máis, a fenda existente entre quen desempeñamos funcións equivalentes dentro do mesmo sistema educativo". Tamén solicitan condicións dignas para o persoal de administración e servizos.

Folla de ruta

Dentro das accións reivindicativas propoñen que mañá se envíe masivamente un correo ao conselleiro e outro ao director xeral de Centros e Recursos Humanos con este texto:

Á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Como traballador/a do ensino concertado en Galicia, quero manifestar formalmente o meu malestar e preocupación pola situación que estamos a vivir e polo incumprimento e atraso de compromisos e dereitos que afectan ao noso colectivo.

Somos máis de 7.000 profesionais que desenvolvemos unha función educativa esencial e que, con todo, levamos anos soportando situacións de desigualdade, perda de poder adquisitivo, falta de recoñecemento e condicións laborais que non se corresponden coa responsabilidade do noso traballo.

Non queremos seguir sendo traballadores/as low cost do sistema educativo. Consideramos imprescindible que a Consellería asuma a súa responsabilidade e abra unha negociación real, seria e con prazos, que permita dar resposta ás reivindicacións do persoal do ensino concertado e cumprir os compromisos pendentes.

Por todo isto, SOLICITO que esta reclamación sexa tida en consideración e que a Consellaría convoque con carácter urxente a mesa tripartita e adopte as medidas necesarias para solucionar as cuestións pendentes e garantir unhas condicións laborais e retributivas dignas e xustas para todo o persoal do ensino concertado.

Así mesmo, manifesto que, se non se produce unha resposta efectiva e unha vontade real de negociación, estou disposto/a a secundar as mobilizacións e a folga convocadas polo sector, así como a apoiar novas medidas de presión que sexan necesarias para defender os nosos dereitos.

Non pedimos privilexios. Esiximos respecto, igualdade, cumprimento dos acordos e solucións.

Cartaces para as concentracións do día 9

O luns, 7 de setembro terá lugar unha rolda de prensa unitaria en Compostela na que se anunciará a folga parcial que convocan as seis organizacións representativas do sector para o primeiro día de curso, o mércores 9. Será un paro de tres horas, de 9 a 12 horas pola mañá e no que se fará un especial chamamento a secundar as concentracións que terán lugar ás 10 diante dos edificios territoriais da Consellaría de Educación na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, así como diante da sede central en San Caetano. 

A CIG-Ensino pon a disposición do persoal traballador deste sector tanto o cartaz xenérico da folga como os cinco cartaces das concentracións nas localidades para distribuír nos centros de ensino.

Compostela
A Coruña
Lugo
Ourense
Vigo

Volver