Convocado o Consello Galego de FP para tratar a oferta formativa do vindeiro curso sen a documentación previa
A Consellaría de Educación convoca para o venres á unha da tarde en modalidade online a reunión do Consello Galego de FP de novo sen enviar a documentación que se vai tratar.
A CIG-Ensino publicará, en canto a teña, a proposta da administración da oferta de ciclos formativos e cursos de especialización para o curso 26/27 e recollerá, coma sempre, achegas dos centros e do profesorado no correo galiza@cig-ensino.gal. En calquera caso, como os centros xa tiveron que remitir as súas peticións á Dirección Xeral de FP, poden remitirse xa aquelas que se considera que deben ser tratadas nesta reunión.
A CIG-Ensino volve criticar o proceder da Consellaría de Educación coa convocatoria de órganos de representación, neste caso o Consello Galego de FP, sen enviar a documentación que se vai tratar no mesmo. Para poder facer unha análise en profundidade, a oferta formativa destas ensinanzas para o vindeiro curso debería ter sido remitida xunto coa convocatoria, así como un resumo detallado do número de prazas por tipo de oferta, réxime e modalidade e a súa comparativa con anos anteriores. Do contrario, obrígase ás organizacións sindicais a realizar un traballo de investigación imposíbel cos datos en bruto da oferta.

