Manifestación nacional o sábado ás 12 horas
Contra a privatización do ensino, NON á universidade privada!
A CIG-Ensino chama á secundar masivamente a manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública o próximo sábado 12 de xuño en Compostela.
Os integrantes da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, onde atopamos desde organizacións estudantís e sindicais como a CIG-Ensino até colectivos investigadores, continúan coa súa campaña de mobilizacións en contra do proxecto de universidade privada que, auspiciada por Abanca e promovida polo goberno do PP na Xunta de Galiza, pretende implantar un modelo de ensino superior privado no noso país.
Desde a CIG-Ensino rexeitamos este intento de privatización da universidade que non é máis que un suculento negocio e que traería unhas consecuencias moi prexudiciais para o resto do ensino universitario público. Despois das mobilizacións convocadas pola Plataforma diante do Parlamento Galego e nos sete campus das universidades galegas, a campaña de mobilizacións continúa este sábado 12 de xuño cunha manifestación nacional que partirá da Alameda de Santiago de Compostela ás 12 horas. A CIG-Ensino anima a toda a sociedade galega a mostrar o seu apoio á universidade pública e o rexeitamento á privatización acudindo á manifestación.