Continúan os peches hoxe en Cee e Lalín e mañá en Lugo e Cangas e segundo martes en loita nos centros

A estas horas hai encerros nos institutos Agra de Raíces de Cee e Laxeiro de Lalín onde de novo profesorado pasará a noite para visibilizar o conflito laboral que mantén desde comezos de curso coa Consellaría de Educación.

Varios centros protagonizaron hoxe xa concentracións dentro da acción “martes en loita” que pretende socializar nos centros de ensino diante de alumnado e familias as necesidades máis urxentes: rebaixa de ratios, recuperación do horario lectivo, máis persoal para atender a diversidade, redución da burocracia, reforma da FP consensuada, melloras salariais e respecto profesional.

O profesorado galego volve hoxe protagonizar unha nova xornada reivindicativa. A estas horas teñen lugar peches no IES Agra de Raíces de Cee e no Laxeiro de Lalín despois de que a semana pasada xa se realizaran outros 9 encerros deste tipo como unha medida para descentralizar o conflito laboral docente a todas as comarcas e localidades do país. No caso da Costa da Morte, este curso foron moitas as queixas de profesorado e Anpas pola falta de persoal para atender á diversidade nos colexios de infantil e primaria e nas últimas semanas intensificáronse as denuncias da situación precaria das instalacións do IES Fernando Blanco, do CEIP Labarta Pose, do CPI de Zas e do IES Eduardo Pondal, entre outros.

Polo que respecta á comarca do Deza as problemáticas que afectan aos seus centros son comúns ás do resto de Galiza. Por un lado, os centros do rural ven como a diminución de alumnado leva ao agrupamento de distintos niveis educativos, co que iso supón de perda de calidade e de redución da oferta formativa e, por outro, nos institutos e colexios das vilas hai aulas con ratios avultadas, un número moi elevado de estudantado por docente e pouca oferta en comparación coas grandes cidades sobre todo en optativas de secundaria e bacharelato e en ciclos de FP.

Nestes dous encerros están a participar máis de un cento de docentes. Mañá, a partir das 6 da tarde está previsto que teñan lugar outros dous en Lugo, no Instituto de Educación Secundaria Nosa Señora dos Ollos Grandes e en Cangas, no IES de Rodeira. O xoves realizaranse os tres últimos, polo de agora, en Rianxo, no IES Félix Muriel; en Carballo, no CRA Ponte da Pedra e en Ponteareas, no IES Val do Tea.

Martes en loita

Por outra banda, hoxe foi o segundo día no que tivo lugar esta acción consistente na visibilización nos propios centros de ensino das necesidades máis acuciantes que ten o sistema educativo galego para ofrecer un servizo público de calidade. “Martes en loita” bebe do que xa viñan facendo algúns centros desde comezos de curso, e tamén algunhas Anpas. Consiste en que o profesorado vista de negro ou con mensaxes reivindicativas para chamar a atención de alumnado e das familias sobre os problemas para atender correctamente todas as necesidades que hai nas aulas, a excesiva burocratización do ensino ou a falta de negociación e de interlocución coa Consellaría en aspectos chave para o bo funcionamento do sistema educativo. O vindeiro martes, a CIG-Ensino chama a que esta acción se visibilice conxuntamente en toda Galiza coa organización de concentracións en todos os centros e a súa difusión a través das redes sociais e dos medios de comunicación locais.

Volver