Continúan os peches en centros de ensino por terceiro día consecutivo co foco na atención á diversidade
Esta tarde organizáronse encerros en colexios de infantil e primaria de Compostela, Ferrol e Viveiro moi castigados pola falta de especialistas para atender alumnado con necesidades e nun IES de Vilagarcía con máis de 1.100 estudantes.
As Anpas dos centros escollidos protagonizaron amplas protestas este curso con concentracións, preguntas parlamentarias e nos plenos municipais, sen que polo de agora viran respostadas as súas demandas.
A Consellaría de Educación segue sen realizar ningún movemento, ademais dos habituais actos propagandísticos (hoxe mesmo coa visita do seu titular a dous centros da provincia de Lugo) despois de cinco xornadas de folga, manifestacións multitudinarias e agora, neste trimestre, unha estratexia de peches rotatorios en centros de ensino, que non se levaba a cabo desde as protestas contra a LOMCE no ano 2013. En concreto, esta tarde teñen lugar peches simultáneos en catro localidades galegas en centros escollidos precisamente pola falta de persoal para atender á diversidade, unha das demandas unánimes de toda a comunidade educativa, de aí que a presenza das Anpas está sendo moi importante nesta acción reivindicativa, como o foron as súas protestas ao longo do curso.
No caso do CEIP Monte dos Postes da capital galega pasou de contar con 4 especialistas en Pedagoxía Terapéutica o curso pasado a só un e medio este curso cando o alumnado con diagnósticos e necesidades detectadas polos equipos de Orientación aumentou considerabelmente. O CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol, pola súa banda, está situado nun contexto socioeconómico desfavorecido e conta con porcentaxes moi elevadas de alumnado NEAE ou de procedencia estranxeira. A administración non cobre unha praza de Pedagoxía Terapéutica, cuxo titular está en comisión de servizos, malia corresponderlle por catálogo, perdendo así un mestre desta especialidade con respecto ao curso 23/24. Dáse o paradoxo de que unha PT que está nunha praza de atención preferente, isto é porque hai un ou dous estudantes que requiren atención individualizada, é a única especialista que atende a alumnado con NEAE (o 80% do total).
Pola súa banda no CEIP de Covas de Viveiro (Lugo) teñen medio docente menos de Audición e Linguaxe e 7 horas menos de PT que o curso pasado mentres que o alumnado escolarizado con NEAE ascende ao 22% do total. Recentemente a ANPA emitiu un comunicado no que lamentaba a falta de resposta da Consellaría de Educación ás súas demandas. Por último, o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía que conta con máis de 1000 estudantes de secundaria, bacharelato e Formación Profesional ten só unha persoa no departamento de Orientación, entre outras carencias propias de centros tan masificados como ausencia de desdobres, ratios elevadísimas de máis de 200 estudantes por docente ou falta de persoal e medios para atender a complexidadade de trastornos e protocolos relacionados coa conduta e a saúde mental que hai actualmente nestas etapas.
Así pois, os peches reivindicativos desta xornada, que se suman aos realizados onte en Ourense e o martes na Coruña, Vigo, Pontevedra e Monforte teñen como foco chamar a atención da sociedade e dos medios de comunicación sobre as necesidades que hai nas aulas galegas de todos os niveis educativos e que a Consellaría de Educación está desatendendo sen rubor.
Concentración á hora da entrada
En Compostela, Ferrol e Vilagarcía delegados sindicais e profesorado pasarán a noite e mañá a primeira hora terá lugar unha concentración (tamén en Viveiro) coincidindo co inicio da actividade lectiva á que CIG-Ensino e STEG animan a unirse a toda a comunidade educativa para visibilizar estas carencias e esixirlle á administración que atenda o clamor de familias, profesorado e alumnado.
Novas relacionadas

