Continúan os despropósitos da Consellaría nas oposicións para o sistema educativo galego

Publica no DOG os tribunais variando os resultados do sorteo público

O xoves 29 de abril celebrouse, non sen dificultades para cubrir todas as prazas debido ao alto número de tribunais, o sorteo para os membros dos tribunais de oposicións convocados pola Orde do 24 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia do 13 de marzo).

Hoxe, 4 de xuño, a Consellaría publica no DOG o resultado de dito sorteo complementando coas presidencias dos citados tribunais. Nesta publicación aparece persoal que non saíu sorteado, e desaparece persoal que si estaba na publicación realizada pola Consellaría ese mesmo xoves 29 de abril creando entre o persoal opositor e os membros do tribunal provocando desconfianza e malestar tanto entre as persoas aspirantes como entre quen integra os tribunais.

Desde a CIG-Ensino levamos anos reclamando que se faga unha publicación definitiva dos tribunais, pero o feito este ano pola Consellaría nin é unha publicación final nin é a publicación do sorteo. Se até hoxe non estaban formalmente nomeadas as persoas que ocuparán a presidencia, ante quen presentaron a renuncia os membros do tribunal que desaparecen? 

E sobre todo, como pode ser que apareza como vogal titular xente que non foi sorteada se, segundo a propia publicación do DOG, hai até dous suplentes por vogal, ou é que estes suplentes xa teñen presentada tamén a a súa renuncia? De ser así volvemos preguntarnos ante quen a presentaron se as presidencias non foron nomeadas até o día de hoxe?

Recomendamos a todo o profesorado que teña algún motivo de exclusión ou recusación que volva a presentar a documentación ante a súa presidencia.

CIG

A CIG-Ensino esixe explicacións públicas á Consellaría e as rectificacións que correspondan e volve esixir a publicación final dos tribunais que finalmente van actuar e que sexa totalmente transparente a publicación do sorteo e do resultado final unha vez presentadas e aceptadas ou non todas as renuncias e recusacións.

Volver