Continúan os cursos para o funcionariado de prácticas con centos de asistentes e prazas aínda dispoñíbeis para Vigo, A Mariña e O Morrazo
Esta fin de semana tiveron lugar os cursos en Compostela, Pontevedra, Ourense e Ferrol
Con centos de asistentes e unha avaliación moi positiva sobre a información recibida a respecto de MUFACE, permisos, licenzas e dereitos do persoal docente, o funcionamento dos centros e das distintas ensinanzas, o Concurso de Traslados, a formación permanente do profesorado e a nova esixencia de acreditar a competencia dixital e outras temáticas continuaron este sábado os cursos presenciais que a CIG-Ensino organiza anualmente para o novo funcionariado en prácticas. O vindeiro sábado, aínda se vai celebrar un en Vigo e outro na Mariña de Lugo e o 19 de outubro queda pendente un para a zona do Morrazo. Podes anotarte na seguinte ligazón.
A CIG-Ensino mantén desde hai anos unha programación de xornadas abertas a todo o profesorado que vén de aprobar o concurso-oposición distribuída polas sete grandes cidades e as comarcas da Mariña e do Morrazo co obxectivo de responder ás principais dúbidas e inquedanzas deste colectivo. Este curso a asistencia está sendo especialmente relevante, con centos de participantes que se deron cita o pasado sábado nas cidades de Compostela, Pontevedra, Ourense e Ferrol.
Durante a xornada os principais temas a tratar son todo o relativo ao ingreso como mutualistas en MUFACE; o proceso de avaliación da fase de prácticas; a obriga de participar no Concurso de Traslados para obter o primeiro destino definitivo con especial incidencia no baremo e na situación na que que concursa este colectivo; os permisos, licenzas, excedencias, vacacións, dereitos e deberes que temos o persoal docente; o funcionamento dos centros e das distintas ensinanzas, así como o posicionamento sindical ante cuestións como a situación da nosa lingua no ensino, o posicionamento a respecto de certas políticas da Consellaría e todo o relativo á formación permanente do profesorado, sobre todo no que respecta ao requisito de contar coa acreditación de niveis de competencia dixital.
Estes cursos continuarán o próximo sábado día 5 na cidade de Vigo e na comarca da Mariña e o vindeiro sábado 19 na comarca do Morrazo. Se tes interese en participar podes anotarte aínda nesta ligazón. Son gratuítos e homologados para o Concurso de Traslados, sexenios e outros concursos ou convocatorias da administración educativa e a quen participe facilitaraselle modelos de memorias de prácticas.