Continúan as mobilizacións nas EOIs en demanda da retirada da Circular 5/2009

Peche nas EOIs

Na asemblea realizada o 22 de setembro no IES das Fontiñas, con presenza de profesorado das EEOOII, avaliouse a situación actual e tomouse, entre outras, a decisión de comezar o día 5 de outubro un peche nas Escolas, que empeza o día 5 de outubro e acaba o 22
Continúan as mobilizacións nas EOIs en demanda da retirada da Circular 5/2009
 
O día 5 de outubro iniciarase un peche nas Escolas
 
Na asemblea realizada esta mañá no IES das Fontiñas, con presenza de profesorado das EEOOII, avaliouse a situación actual valorando moi negativamente a persistencia da Consellaría en impoñer unha circular non negociada que modifica as condicións de traballo do profesorado, supón a redución de postos de traballo, a mobilidade e, por tanto, incide no deterioro da calidade do ensino público.
 
Na asemblea o profesorado denunciou as declaracións difamatorias, tanto do Conselleiro como do Director Xeral, e expresou o seu malestar coa actitude da Consellaría. Ademais deu conta de que as inspeccións pretenden impor esta circular escola por escola, mesmo con presións e ameazas, modificando os horarios xa aprobados, saltándose os prazos de matrícula, obrigando a que se inicie o curso aínda que os grupos non están confirmados e a matrícula se vai pechar o día 2. O profesorado denuncia tamén a actitude represora que se percibe na Administración desde o inicio das mobilizacións.
 
Nesta situación, tres meses despois de que a CIG e as restantes organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial, teñamos reclamado unha e outra vez unha entrevista e a modificación da actitude da Consellaría, sen que até hoxe houbese mudanza ningunha, a asemblea ratificou a necesidade de continuar coas mobilizacións e seguir reclamando a retirada da circular. Así acordouse:
 
ØLevar a cabo un peche nas escolas de Ferrol (5 e 6 de outubro), Pontevedra (7 e 8 de outubro), A Coruña (13 e 14 de outubro),  Vigo (15 e 16 de outubro), Ourense (19 e 20 outubro) e Santiago (21 e 22 outubro).
ØRecollida de sinaturas entre o alumnado e profesorado esixindo a retirada da circular e o mantemento e ampliación da calidade da oferta que viñan realizando estas escolas.
ØAdoptar resolucións dos Claustros e Consellos Escolares reclamando a retirada da circular.
ØDeclarar persoas non gratas ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e ao Director Xeral de Educación, José Luís Mira Lema, polos seus ataques ás EEOOII e pola difamación e o descrédito sementado contra a súa actividade docente.
ØFacilitar que o alumnado poida presentar queixas pola diminución da calidade na oferta.
ØColocar nos centros carteis que deixen constancia da situación e que expresen as reivindicacións do profesorado.
ØNon asinar a conformidade cos horarios que está a impor a Administración a través da circular.
ØA realización de concentracións en datas que se determinarán.
 
Desde a CIG-Ensino valoramos positivamente a unidade do profesorado fronte a esta agresión contra o ensino público, que vai en detrimento da calidade na oferta nas EEOOII e agardamos que o Conselleiro de Educación rectifique e non continúe coa súa actitude ditatorial e autoritaria, retirando a circular e abrindo negociacións sobre as EEOOII garantindo así o mantemento das condicións de traballo e da calidade do ensino.

Volver