 
            
          Continúa o ataque permanente da Consellaría de Educación ao ensino público coa supresión de 199 postos de infantil e primaria
Nova denuncia da CIG-Ensino fronte aos continuos recortes do goberno Feijoo no ensino público
Hai dous días a CIG-Ensino denunciaba que a adxudicación de Secundaria se traducía nunha redución de 993 profesores e profesoras menos, 993 persoas que, se non se corrixe a situación na adxudicación definitiva, van deixar de traballar no curso que vén. 993 profesores e profesoras que non van ter os centros de Secundaria para atender as necesidades educativas do alumnado ou os programas educativos en que aínda estaban inscritos. Onte a CIG-Ensino tivo que denunciar as 49 supresións de postos nas Escolas Infantís da Galiña Azul.
Hoxe temos que sumar a eses datos as supresións de 132 unidades e 199 postos de traballo en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Mesmo se pechan centros enteiros, maioritariamente de Infantil, exactamente 12 centros (2 na Coruña, 3 en Lugo, 1 en Ourense e 6 en Pontevedra) que acaban de se facer públicos mediante a publicación no DOG de hoxe 3 de agosto da Orde do 20 de xullo de 2012 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos de educación infantil, primaria e educación especial. Para levar a cabo estas reducións a Consellaría impón as rateos máximas de alumnado por aula e obrigan a realizar agrupamentos de alumnado de diferentes idades até 20 alumnos por aula, tal e como denunciabamos en xuño pasado. Neste momento son 113 as unidades que van escolarizar alumnado de diferentes idades por mor deses agrupamentos.
Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino declarou que: “o presidente Núñez Feijoo, que alardea de que o seu goberno é un exemplo de austeridade, é o campión do desemprego, a súa lexislatura pasará á historia como a do presidente que destruíu máis unidades de ensino público e canda a elas máis postos de traballo. O que ía rematar co desemprego está sendo o responsábel do incremento do paro no sector público. Mais tamén, porque son medidas que van parellas, o campión dos ataques ao ensino público, mediante a redución de unidades, a imposición de rateos elevadas que dan lugar á masificación das aulas, a ampliación do horario lectivo do profesorado, o incremento dos agrupamentos de alumnado de diferentes idades, a redución dos departamentos de orientación e dos seus responsábeis, a redución do profesorado de atención ao alumnado con necesidades educativas, etc. Mentres, mantenlles os concertos aos centros privados, entre eles centros que segregan o alumnado por sexo e son vinculados ao Opus Dei.
Esta é a política do actual goberno: o deterioro e a privatización dos servizos públicos esenciais.”
Os datos:
| Unidades suprimidas | Postos de traballo suprimidos | |
| A Coruña | 26 | 37 | 
| Lugo | 40 | 54 | 
| Ourense | 38 | 68 | 
| Pontevedra | 28 | 40 | 
| Galiza | 132 | 199 | 


 
  
  
 
  
  
 
  
      