Continúa a loita por unhas condicións laborais dignas e un servizo de calidade nas EDM da Coruña
Tras a concentración, comeza unha campaña de recollida de sinaturas “Na defensa dos nosos dereitos e dos usuarios e usuarias, para a mellora da calidade das Escolas Deportivas Municipais da Coruña.
O persoal das Escolas Deportivas Municipais (EDM) da Coruña realizou unha concentración este xoves diante das instalacións de Riazor reivindicando unhas condicións de traballo dignas, unha mellora no servizo que reciben as persoas usuarias e a elaboración duns novos pregos de contratación do servizo que atendan estas demandas.
A asemblea de traballadoras e traballadores acordou iniciar mobilizacións ante o incumprimento do compromiso do goberno local de abordar as condicións do novo contrato coa concesionaria do servizo e poder avanzar na dignificación das condicións laborais e salariais, na redución da parcialidade e rematar coas discriminacións que se dan entre persoal que realiza o mesmo traballo.
A actual concesión (adxudicada a Serviplus SL) remata no mes de novembro e a pesar das reiteradas peticións por parte da representación social para sentar negociar, a día de hoxe seguimos agardando unha resposta á nosa táboa reivindicativa e ás demandas para a mellora do servizo, o que provoca incerteza e intranquilidade no colectivo.
Diante deste desleixo, o persoal continuará coas mobilizacións o próximo 23 de outubro cunha concentración ás 13:00 horas diante do Pazo de María Pita. Ademais, os traballadores e traballadoras comezaron unha campaña de recollida de sinaturas entre as persoas usuarias e a veciñanza que se lle farán chegar ao goberno de Inés Rey no próximo pleno do mes de novembro, no que se solicitará empregar o “escano cidadán”, sen descartar en datas posteriores ir á folga se o Concello segue sen escoitar as súas xustas demandas.
Hai que salientar que nestas instalacións traballan máis de 40 persoas, das que un 40% ten un contrato a tempo parcial. Esta parcialidade afonda na precariedade laboral, xa que o convenio de aplicación ten salarios na liña do SMI (por debaixo dos 1.184€/mes) e limítase a recoller a normativa básica e obrigada do Estatuto dos/as Traballadores/as.
Ademais, existen diferenzas entre o persoal da mesma categoría, xa que hai traballadores e traballadoras que non contan coas melloras laborais e económicas procedentes de subrogacións previas que si teñen outros compañeiros/as, acadadas en pregos anteriores aos actuais, tamén desfasados e superados nalgúns casos.
Porén, malia a proximidade do remate do contrato, nin se sabe nada do estado dos novos pregos de condicións nin a Concellaría abriu unha interlocución coa representación do persoal para tratar as melloras laborais e salariais pendentes, así como as necesidades que o persoal traballador e usuarios/as do propio servizo padecen no día a día nas súas actividades deportivas.