O conselleiro de Educación rectifica e acepta reunirse coas organizacións sindicais de forma presencial e conxunta

Finalmente a reunión celebrarse o vindeiro luns, 2 de novembro, ás 5 da tarde.

Nun primeiro momento Román Rodríguez só citou a cada organización por separado e de forma telemática e ante a protesta das 4 organización sindicais con representación na Mesa Sectorial aceptou unha reunión conxunta pero telemática. A CIG-Ensino e os outros tres sindicatos mantivémonos firmes na nosa postura, tendo en conta que se o resto de profesorado tamén está acudindo aos seus postos de traballo as reunións coa Consellaría deben ser presenciais, como o está sendo boa parte da actividade do equipo que encabeza Román Rodríguez. 

Na Mesa Sectorial do pasado 6 de outubro a CIG-Ensino formulou unha cuestión de orde ao comezo da sesión para evidenciar que non era admisíbel que na primeira reunión do órgano de negociación do profesorado galego unha vez comezado o curso non se tratasen todas as cuestións que lle preocupa ao persoal docente relacionadas coa Covid-19 e as medidas implantadas pola administración educativa. 

En resposta á nosa queixa, o director xeral de Persoal comprometeu unha reunión con presenza do conselleiro coas catro organizacións presentes na Mesa. Con ese compromiso, fixado nun prazo de 15 días, quedamos á espera desa reunión. 

Na semana pasada todas as organizacións sindicais da Mesa recibimos un correo-e no que se nos convocaba a unha reunión por separado e de carácter virtual. A CIG-Ensino, de acordo cos demais sindicatos, enviou unha resposta co seguinte texto: 

Ante a proposta de reunión solicitada conxuntamente polas 4 organizacións con representación na Mesa Sectorial e ante o requirimento de realización da mesma de maneira telemática e individualizada seguimos insistindo, ante a importancia dos temas a tratar, na súa celebración conxunta e presencial declinando a asistencia a mesma de descartar este formato. 

Un día despois, o director e o subdirector xeral puxéronse en contacto cos responsábeis dos catro sindicatos para aceptar na reunión conxunta mais non con carácter presencial. A resposta da CIG-Ensino a esta nova proposta foi manternos no compromiso adquirido cos demais sindicatos e demandar que a reunión fose presencial. 

Se temos que traballar presencialmente nas aulas tamén queremos unha relación presencial coa administración 

Desde o sindicato insistimos na nosa petición dunha reunión presencial con varios argumentos. O primeiro, non debe forzarse unha reunión telemática cando o conselleiro e o seu equipo comparecen presencialmente no Parlamento ou se aveñen a que a Mesa Sectorial sexa presencial como reclamamos os sindicatos. 

Desde a perspectiva legal non hai, por suposto, ningún tipo de limitación para unha reunión para a que, por outro lado, a CIG non puxo condicións no que a representación se refire, amosando a nosa dispoñibilidade a facela co aforo que se nos indique. Lembremos que ao igual que a actividade educativa, as reunións de traballo non se vén afectadas polas limitacións de contacto social (neste momento en Compostela poden manterse reunións de até 30 persoas en interior e nunha reunión como a prevista o número de asistentes sería inferior á metade. 

Mais tampouco o debe ser para quen representamos aos miles de docentes que teñen que garantir un ensino presencial que demandamos que sexa moito máis seguro do que é. Neste sentido desde a CIG-Ensino amosamos a nosa satisfacción porque a resposta das catros organizacións sindicais fora coincidente e consideramos que tanto o conselleiro e o seu equipo como a representación do profesorado debiamos ser consecuentes, sempre baixo as indicacións de máxima seguridade e respecto pola normas e restricións sanitarias. 

A Consellaría cede e acepta a reunión presencial 

Finalmente, e ante a presión exercida pola CIG-Ensino e o resto de sindicatos, a Consellaría acaba de confirmarnos que acepta levar a cabo esa xuntanza presencial co conselleiro, polo que nos felicitamos pola rectificación aínda que consideramos que, como todo con esta administración, cada avance conséguese a base de petar no búnker que ten instaurado en San Caetano. 

Así mesmo, o sindicato lembra que, unha vez recibido o borrador do concurso de adultos, xa lle trasladou ao subdirector xeral de Recursos Humanos que teñen que convocar unha nova Mesa para debater esa convocatoria, así como a de Orientación do corpo de mestres. Nestes dous casos o máis relevante son as prazas a concurso xa que, a diferenza do CXT, xa aparecen no texto da Orde.

Volver