Conflito EEOOII: Escrito para enviar ás Direccións Xerais de Educación do Estado criticando a Mira Lema, e escrito para presentar moción nos concellos demandando a retirada da circular 5/2009

Documentos EOI

Mediante este escrito o profesorado das EOI de Galiza porá en coñecemento das Direccións Xerais de Educación do Estado a denuncia, por parte das EOI galegas, da actitude que D. José Luís Mira Lema, Director Xeral de Educación da Consellaría de Educación, está tendo coas traballadoras e traballadores destes centros. Tamén se achega un modelo de escrito para que nos concellos se presenten mocións demandando a retirada da Circular 5/2009.
1.- ESCRITO DOS CLAUSTROS DE PROFESORES DAS EOI GALEGAS DIRIXIDO ÁS DIRECCIÓNS XERAIS DE EDUCACIÓN DO ESTADO CRITICANDO A ACTITUDE QUE ESTÁ TENDO O SEU HOMÓLOGO GALEGO, MIRA LEMA, CO PROFESORADO DESTES CENTROS.
2.- ESCRITO PARA MOCIÓN NOS CONCELLOS EN DEMANDA DA RETIRADA DA CIRCULAR 5/2009

1.- ESCRITO DOS CLAUSTROS DE PROFESORES DAS EOI GALEGAS DIRIXIDO ÁS DIRECCIÓNS XERAIS DE EDUCACIÓN DO ESTADO CRITICANDO A ACTITUDE QUE ESTÁ TENDO O SEU HOMÓLOGO GALEGO, MIRA LEMA, CO PROFESORADO DESTES CENTROS.


O claustro de profesores e profesoras da E.O.I. ............................................................
adoptou na reunión celebrada o ......................................................................................
a seguinte resolución:
 
Pór en coñecemento das Direccións Xerais de Educación do Estado a nosa denuncia da actitude que D. José Luís Mira Lema, Director Xeral de Educación da Consellaría de Educación, está tendo coas traballadoras e traballadores destes centros.
 
O 13 de xullo deste ano 2009, a Dirección Xeral de Educación da Consellaría de Educación, sen convocar Mesa Sectorial e sen convocar a negociación pertinente, enviou ás EEOOII a circular 5/2009 que modifica os horarios e a asignación de grupos ao profesorado que estaba en vigor desde a circular 10/2004. A nova circular imposta unilateralmente desde a Dirección Xeral implicou unha restruturación drástica do profesorado coa perda de varios postos docentes nas distintas Escolas e conlevou que moitos idiomas teñan que ser impartidos como materia afín por profesorado non especialista.
Nesta situación, as traballadoras e os traballadores das EEOOII, conxuntamente coas organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial de Educación comezamos esixir a retirada da circular e a apertura de negociacións por parte da Consellaría. Ao non recibir resposta da Administración consideramos a necesidade de mobilizarnos co inicio do curso escolar convocando folga os días 9 e 10 de setembro.
Ante isto, o Director Xeral de Educación, D. José Luís Mira Lema, respondeu con acusacións difamatorias respecto do traballo desenvolvido polo profesorado das EEOOII, mentindo sobre o noso cumprimento do deber como funcionarios e funcionarias, acusando o profesorado de non cumprir o seu horario de traballo, e chegando a dicir, mesmo, que se estaba “a incumprir sistematicamente a legalidade vixente”. O Director Xeral procurou o descrédito dos profesionais das Escolas con argumentos comprobablemente falsos, como ben saben os responsábeis da Consellaría, aínda que non queiran admitilo, e como ten comprobado a inspección. As EEOOII veñen cumprindo escrupulosamente o marcado na norma vixente até xullo, a circular 10/2004, por certo negociada na Mesa Sectorial sendo Conselleiro de Educación Celso Currás, e presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne.
A Consellaría di que a nova circular pretende a “optimización de recursos” e que “redundará no beneficio do alumnado, que verá incrementada a oferta de grupos nas franxas horarias máis demandadas, ao poder dispoñer de máis profesores”, mais isto non é certo, pois non se dispón de máis profesores e, como sucede ano tras ano, seguen sendo moi extensas as listaxes de demandantes de matrícula que non a poden efectivizar por falta de prazas nos horarios solicitados, e en contra do declarado por Mira Lema ("No tiene justificación que queden alumnos fuera cuando tenemos profesores sin atender") esta situación non se produce porque o profesorado non cumpra o seu horario como insiste en declarar.
Finalmente queremos denunciar, tamén, que a Consellaría está a presionar os equipos directivos a través da inspección educativa que, a día de hoxe, aínda non aprobou definitivamente os horarios en todas as EEOOII, facendo continuos cambios nos mesmos. Ao mesmo tempo, e tamén a través das inspección, se está a impor a realización de determinados cursos monográficos que lle corresponde ao Consello Escolar fixar e convocar no terceiro trimestre do curso, polo que, unha vez máis, a Consellaría está a vulnerar os canles regulamentarios.
 
 
Reciba un cordial saúdo.
 
 
 
 
................................... a ............... de ............................................. de 2009
_______________________________________________________________________________________

2.- ESCRITO PARA MOCIÓN NOS CONCELLOS EN DEMANDA DA RETIRADA DA CIRCULAR 5/2009

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de ..................................................
............................................................................., en sesión celebrada ..........................
 
Considerou que a modificación imposta ás EEOOII coa circular 5/2009 significou unha redución de profesorado das Escolas, con postos que non foron cubertos polo profesorado necesario e con idiomas que, nalgúns casos, teñen que ser impartidos como materia afín por profesorado non especialista. A aplicación desta circular supón un empeoramento do funcionamento destas Escolas que seguen sen poder atender a demanda formativa existente neste momento e un deterioro deste servizo público.
 
Esta Corporación municipal ten coñecemento de que esa circular non foi negociada tal e como procede na Mesa Sectorial Docente de Educación e, a pesar de ser reclamada a apertura de negociacións por parte dos afectados e os seus representantes sindicais, a Consellaría segue sen facelo.
 
Por este motivo a Corporación Municipal de ....................................................................
 
ACORDA
 
Trasladarlle á Consellaría de Educación e á Dirección Xeral de Ensino, Formación Profesional e Innovación educativa que retire a circular 5/2009, por non estar negociada, implicar un retroceso significativo na calidade do ensino dos idiomas e empeorar as condicións de traballo do profesorado e que inicie negociacións sobre as EEOOII

Volver