Confírmase a perda de poder adquisitivo

Balance final do acordo salarial 2022-24 no sector público

As reiteradas denuncias da CIG nestes anos, desde a propia negociación, estaban fundamentadas: o acordo retributivo estatal, asinado por CCOO e UGT co goberno estatal para os anos 2022-2024, supón unha nova perda de poder adquisitivo para os empregados e empregadas públicas.

Rematada a vixencia do acordo que en 2022 asinaron estes dous sindicatos, coa oposición frontal da CIG, xa podemos tirar conclusións e facer un resumo do acontecido ao longo destes tres anos.  

  • A comezos do ano 2022 CCOO e UGT asinan unha suba salarial do 1,5% cando o IPC estaba daquela no 4% e, no mes de setembro, cando asinan dito acordo, engaden unha suba salarial con carácter retroactivo do 2%. É dicir, un 3,5% en total para aquel ano, cando nese momento levabamos tres meses consecutivos co IPC interanual por riba do 10%. Ao final de ano confírmase o que era obvio, unha perda de poder adquisitivo do 2,8%. 
  • Para o ano 2023 o acordo fixaba unha suba do 2,5%, ao que se engadirán dúas subas do 0,5%, ao pasar o IPC harmonizado e o PIB do 6%. É dicir, a suba total é do 3,5% rematando o ano cun IPC do 3,10%. A suba por riba do IPC non compensaba a perda do ano anterior.
  • No 2024 a suba foi do 2%, aumentando un 0,5% máis ao ser o IPC harmonizado dos últimos tres anos maior do 8%. Esta última subida aínda non sabemos cando se vai facer efectiva mais, en todo caso, nesta análise a CIG xa a computa (quedando no 2,5%) e confirma que a perda do poder adquisitivo do ano pasado foi de 0,3%, ao ser o IPC interanual do 2,8%.

Polo tanto, o balance final destes tres anos danos unha suba salarial do 9,8% fronte a unha suba do IPC do 12,10%. É dicir, pechamos este trienio cunha suba dos salarios dos empregados e empregadas públicas por debaixo do aumento do custo da vida. Que este sexa o resultado dun acordo sindical fai que sexa todo aínda máis vergoñento e que aconteza nun momento no que se nos intenta vender unha mellora da economía resulta aínda máis rechamante.

Perder cartos por traballar: negan aos salarios a suba que se recoñece para as pensións e fannos perder un 20% desde 2010

Máis incomprensible aínda é o feito de que se negue a vinculación da revalorización dos salarios ao IPC cando o propio goberno si acepta para as pensións indexar a suba ao IPC medio. Se se aplicase o mesmo criterio ás retribucións dos e das empregadas públicas que se empregou para as subas destes anos para as pensións, o incremento sería dun 15,8%. É dicir, as nóminas no sector público subiron un 6% menos nestes tres anos que as pensións.

A dignificación do noso traballo pasa por unhas retribucións xustas e que non se permita que perdamos poder adquisitivo. Porén, levamos máis de quince anos, con gobernos tanto do PSOE como do PP, sufrindo unha depreciación continuada dos nosos salarios. Desde o 2010 o noso poder adquisitivo reduciuse en case un vinte por cen (19,69%). Nunca se aceptou a proposta da CIG de incrementar os soldos un 5% cada ano cunha cláusula de revisión salarial. 

Todo isto sen esquecer que seguimos coas pagas extras recortadas, tanto por decisións dos gobernos estatais como do galego. A Xunta do PP negouse a devolver a parte das extras recortadas entre os anos 2012 a 2016, rexeitando a proposta da CIG de negociar un plan de recuperación dese diñeiro arrebatado, que supón unha media de 6300€ para o persoal docente. O goberno estatal mantén o recorte que temos no salario base e nos trienios das dúas pagas extraordinarias.

A proposta da CIG para 2025: recuperación e vinculación co IPC
  • Establecer unha cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e blindada por lei, para garantir que se manteña o poder adquisitivo das e dos empregados públicos.
  • Aplicar unha suba salarial do 5% para o ano 2025, como primeiro paso para a recuperación económica do persoal empregado público.
  • Negociar a recuperación do poder adquisitivo perdido; cando menos, como froito do último acordo (o que implicaría asumir o que a CIG propuxo no 2022: igualar co IPC ao final do ano se a suba ficaba por baixo dos prezos.

 

Volver