Confírmase a estafa salarial: cando nos paguen os atrasos do 0,5% levaremos perdido o 2,30% en tan só tres anos

A perda do poder adquisitivo é froito do pacto salarial de CCOO e UGT e agora pretenden vender como un éxito o que foi un “pacto de perdas”

Os tres protagonistas da última tomadura do pelo ás empregadas e empregados públicos saíron nestas últimas horas a felicitarse por algo insólito: imos cobrar os atrasos que nos deben! O goberno central, CCOO e UGT aplauden como un éxito que vaiamos cobrar unha suba do 0,5% cun carácter retroactivo de 18 meses.

Se xa é un escándalo que ese pago non se tivese producido cando correspondía (xaneiro deste ano 2025) aínda o é máis que ninguén dos responsábeis poña o acento no realmente importante: como queda o poder adquisitivo dos e das empregadas públicas logo do pacto salarial 2022-24? Estivo ese pacto á altura das circunstancias? Respondeu á necesidade de recuperar o que nos recortaron previamente? Estabilizou cando menos o noso soldo ao respecto do IPC? Todas as respostas a estas preguntas son a mesma, un rotundo NON.

O efecto do pacto sindical estatal de 2022 (vencido en 2024) foi unha suba do 9.8% (computando xa o 0.5% que imos cobrar agora). Neste mesmo tempo, sen contar este ano 2025, o IPC subiu un 12,10%. Isto é, o resultado do “pacto de perdas” foi unha depreciación do noso salario dun 2,30%. Todo un éxito!

Por que chegamos a esta situación? Porque quen pactaron non tiveron en conta unha cuestión fundamental: vincular os salarios co IPC, algo que sen ir máis lonxe se fixa por lei coas pensións. Esa foi precisamente a proposta coa que a CIG se sentou á mesa de negociación en 2022 e esa segue sendo a exixencia do sindicato para este ano 2025.

O salario e o goberno, conxelados

Chegados xa á metade do ano e cun goberno paralizado en multitude de aspectos mais notoriamente no que ten a ver coas retribucións do sector público, non hai enriba da mesa ningunha proposta de suba para este ano ou para os vindeiros. Levamos por tanto un desfase e unha conxelación de facto de medio ano e non hai ningunha medida anunciada. Unha vergoña.

Como xa fixemos nas diferentes mobilizacións ao longo deste ano así como nos anteriores, a CIG exixe a negociación, con carácter de urxencia, da actualización dos nosos salarios partindo destas premisas:

  • Suba salarial do 5% para este ano 2025, con efectos retroactivos desde xaneiro. Esta suba implicaría recuperar o desfase do pacto salarial 2022-24.
  • Incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC, de tal xeito que calquera suba dos prezos ao respecto da suba salarial se compense a finais de ano.
  • Recuperación íntegra das pagas extras, recortadas desde 2010 no salario base e os trienios, conceptos salariais que dependen do estado.
  • Calquera acordo plurianual debe descansar sobre eses principios fundamentais, así como dun plan de recuperación do poder adquisitivo pedido nos últimos anos que co levamos deste ano 2025 xa supera o 20%.

Volver