A CIG-Ensino, FSIE, UGT, CCOO, USO e SNEP confirman novas mobilizacións do persoal do ensino concertado ante a inacción da Consellaría despois de 2 xornadas de folga

As seis OO.SS convocan manifestacións con caravanas de coches o 29 de outubro en Pontevedra, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago para quentar motores de cara a terceira xornada de folga no sector, o 10 de novembro, e a folga xeral do 11

Con estas mobilizacións a representatividade do ensino concertado reafirma a súa exixencia de apertura dun proceso de negociación real, efectivo e respectuoso, convocando a Mesa Tripartita, que permita avanzar cara á recuperación de dereitos e melloras substanciais laborais e salariais para o persoal do sector, así como a mellora da calidade educativa que prestan estes centros.

As OO.SS do sector chaman ás traballadoras e traballadores do ensino concertado a non permanecer impasíbeis ante esta situación de desprezo por parte do departamento que dirixe Román Rodríguez e a estar dispostos e dispostas a defender os seus dereitos até que se produzan cambios efectivos e significativos, e non esmolas nin parches coma os que dá a Consellaría de Educación como e cando quere. Ademais, estas mobilizacións deben apuntar e poñer en preaviso tamén ás patronais do sector, no que ten a ver coa negociación actual do VIII convenio da concertada a nivel estatal e que regula as verdadeiras condicións laborais e salariais do sector, polo que reclaman, en definitiva, respecto e dignidade tanto á administración como ás patronais do sector, presentes na mesa Tripartita. “Respecto para un colectivo profesional, docente e non docente, que sostén unha parte esencial do sistema educativo, e dignidade para desenvolver o seu traballo en condicións xustas e non a “low-cost”, como pretende este goberno do PP de Rueda, tanto neste sector coma noutros servizos públicos que tamén están nas rúas, como a educación infantil 0-3 anos, a atención á discapacidade, a protección de menores e reforma xuvenil, o ensino público, a sanidade e a administración; e outros máis como SAF, centros de atención á dependencia, maiores...

“As organizacións sindicais que representamos este sector na Galicia estamos convencidas de que a mobilización é a mellor ferramenta para defender os dereitos e mellorar as condicións laborais e salariais de todas as persoas traballadoras do ensino concertado e se Román Rodríguez non abre negociacións que se vaia ou dimita”, indica Henrique García, responsábel de Ensino privado da CIG.

Caravanas de coches o 29 de outubro para paralizar o tráfico en seis cidades galegas

A seguinte mobilización consistirá en realizar manifestacións simultáneas en coche nas cidades de Pontevedra, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago o día 29 de outubro. Na Coruña a caravana sairá ás 19 horas dos Edificios Sindicais en Alfonso Molina pero prégase estar media hora antes para a súa organización. En Ferrol á mesma hora, ás 18:30, quedarase para preparar a saída desde o aparcadoiro da Malata. En Pontevedra, no mesmo horario, a caravana está previsto que saia do aparcadoiro do Pavillón Municipal. En Vigo e en Santiago o percorrido non será circular, saíndo no primeiro caso do aparcadoiro Verbum de Samil tamén ás 19 horas e chegando á Praza de España e no caso da capital galega o punto de inicio será o aparcadoiro de Santa Marta e chegando á sede central da Consellaría de Educación en San Caetano. Por último, en Ourense a saída será desde a explanada de Expourense. Poden consultarse os percorridos nos cartaces adxuntos.

Descárgaos para a súa difusión no teu centro educativo!

      

   

Volver