A CIG-Ensino apoia a demanda da comunidade educativa do CEIP Concepción Arenal de dotación do persoal coidador que lle corresponde
Esta mañá levouse a cabo unha concentración diante do centro na que participaron numerosas familias.
A administración nomeou unha persoa para hoxe pero está pendente substituír a outra auxiliar coidadora. Malia os anuncios na prensa de que se incorpora o martes o centro non sabe nada oficialmente.
Familias, alumnado e profesorado volveron protestar hoxe unidos despois de que o claustro tomara onte a decisión extrema de non entrar nas aulas a primeira hora ao atoparse sen as dúas persoas coidadoras que lle corresponden a este centro. A media mañá a Xunta enviou unha compañeira procedente do CEE Nosa Señora do Rosario para paliar a grave situación de desatención na que estaba neses momentos o alumnado, o que permitiu retomar a actividade lectiva con dificultades.
Hoxe hai unha persoa nomeada para substituír a compañeira que iniciou onte a súa incapacidade temporal pero segue faltando outra persoa para paliar a praza que falta por cubrir por traslado do centro desde hai varias semanas. É por iso que se celebrou unha concentración antes do inicio das clases esta mañá na que participou unha representación moi ampla da comunidade educativa.
Nestes intres, malia a información que aparece nos medios de comunicación, a dirección do centro non ten ningunha constancia de que se vai poder producir a incorporación dunha persoa substituta o vindeiro martes, co que isto supón de desatención para o alumnado con necesidades educativas especiais.
Novas relacionadas

