Concentracións nas catro provincias para demandar a continuidade de Preescolar na Casa e dos postos de traballo

Traballadores/as e pais e nais reclaman á Xunta o mantemento das axudas a un servizo público e gratuíto con máis de 20 anos de historia

Persoal do programa Preescolar na Casa, pais e nais afectados/as e sindicalistas da CIG participaron este venres nas concentracións simultáneas desenvolvidas diante das Delegacións provinciais de Traballo e Benestar. Até os edificios administrativos desprazouse a comunidade afectada polo recorte de axudas públicas á Fundación que xestiona o programa. Estes recortes traducíronse nun ERE de suspensión para 20 traballadoras/es, a redución da xornada para outros/as 18 empregados/as e a supresión deste servizo público e gratuíto que se viña prestando dende hai 20 anos.

Coas concentracións, os traballadores do programa Preescolar na Casa queren reclamar á Xunta de Galiza a recuperación das subvencións que permitan a continuidade deste servizo e o mantemento dos empregos para as/os profesionais que dende hai 20 anos veñen executando o programa. Ao mesmo tempo, o persoal e as organizacións sindicais demandaron á administración galega que articule os mecanismos necesarios para garantir no tempo o servizo que se presta e achegar estabilidade laboral para os traballadores e traballadoras.

ERE de suspensión e redución das xornadas

Neste momento, o conxunto dos traballadores e traballadoras da Fundación Preescolar na Casa están afectados/as por un ERE de suspensión para 20 empregados/as e polo que se lle reduciu media xornada de traballo a outras 18 persoas. Este ERE veu provocado pola retirada de máis de 600.000 euros en subvencións que a Fundación viña percibindo da Xunta de Galiza dende que se iniciou o programa Preescolar na Casa hai máis de 20 anos.

A redución destes fondos, explican o Presidente do Comité, José Expósito, e o Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, non só elimina os case 50 postos de traballo, senón que supón a eliminación deste servizo público e gratuíto, e que non se substitúe con ningún outro servizo público ou privado”. A perda das subvencións está a impedir que se desenvolva o traballo, xa que o 97% da partida prevista vai destinada a persoal, o que implica que non se poden reducir cartos doutras partidas, e sen persoal, asegura é imposíbel prestar o servizo.

A través deste programa dábaselle atención, até o de agora, a unhas 4.000 familias, priorizándose o ámbito rural, xa que este é o que menos servizos adoita recibir. Ademais, o modelo de Preescolar na Casa chegou a copiarse noutras comunidades autónomas e mesmo exportouse a algún outro país.

Galería de imaxes

Volver