Concentracións en toda Galiza en defensa da Universidade pública

Serán o martes, 11 de febreiro de forma simultánea ás 11 horas nos sete campus galegos

Despois de que non houbera marcha atrás no proxecto de creación da primeira universidade privada da man de Abanca comezan as primeiras mobilizacións da Plataforma galega en defensa da universidade pública ás que está convocada toda a comunidade educativa e toda a sociedade galega.

A Plataforma galega en defensa da universidade pública, composta inicialmente polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes bota a andar cos seus primeiros actos reivindicativos contra a privatización dos estudos superiores en Galiza. O vindeiro martes ás 11 horas terán lugar concentracións diante de edificios significativos dos sete campus galegos nas que está chamada a participar toda a sociedade galega. Tal e como lembraba o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, “esta é unha cuestión de país, dado que a privatización das ensinanzas superiores vai en detrimento da igualdade de oportunidades e da equidade social”. “Así mesmo, as entidades privadas responden exclusivamente aos intereses de lucro dos seus promotores, neste caso a entidade financeira venezolana que se fixo coas caixas de aforros galegas despois de  agasallarllas a Xunta de Galiza”. “A isto hai que sumarlle os criterios de excelencia e calidade que se aplican na universidade pública sobre todo en canto á cualificación do profesorado e que podemos presupoñer que non serán tan estritos na universidade privada”, explicou.

Neste momento xa amosaron a súa adhesión á Plataforma as seguintes organizacións e entidades: Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova e BRIGA.

No blogue da Plataforma segue activa a posibilidade de adherirse de forma individual ou colectiva a esta reivindicación, así como toda a información sobre as concentracións do martes 11 de febreiro que serán nos seguintes lugares:

Santiago Reitoría da USC
Lugo Biblioteca Intercentros
A Coruña Facultade de Informática
Ferrol Vicerreitoría Ferrol
Vigo Reitoría da UVigo
Pontevedra Facultade de Ciencias Sociais
Ourense Facultades de CC. Educación e de Historia

Volver