Concentracións en contra dos recortes e na defensa do ensino público

O martes 18 ás 20 horas en A Coruña, Ferrol, Lugo, Foz, Ourense, Xinzo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e A Guarda

A Consellaría de Educación, desde o mes de xuño, acumulou unha serie de medidas conducentes ao desmantelamento dun dos servizos públicos básicos como é a Educación, co obxecto de avanzar cara á súa privatización. Iníciase o novo curso escolar cunha redución de máis de 1.000 profesores/as dos que viñan impartindo docencia no curso pasado, malia o incremento de alumnado matriculado. A Consellaría de Educación vén de recortar de novo os orzamentos deste ano en 8,7 millóns de euros no ensino público, ao que lle hai que engadir o recorte do 6,7% de cando foron aprobados. Mentres, o ensino privado concertado percibe 250 millóns de euros, incrementa os concertos educativos en detrimento da ampliación de unidades comprometidas nos centros públicos, percibe unha extra, a maiores dos concertos, de 220.000 € e recibe outras axudas, por vía indirecta, como, por exemplo, do programa de centros plurilingües e o proxecto Abalar. Todos os recortes que se están a practicar afectan única e exclusivamente á pública, mentres a concertada incrementa os ingresos de diñeiro público que pagamos todas e todos. Precisamente, esta medida é a que pon en evidencia que non estamos ante un problema económico como se nos pretende facer crer, senón ante unha decisión política de favorecer o privado en detrimento do público.

Ligazón

Volver