Concentracións diante dos centros de menores o 10 de xuño
A asemblea delegados/as da CIG-Ensino dos centros de reforma xuvenil e protección de menores decidiu dar continuidade ás mobilizacións do sector
Ao remate do peche e da concentración diante da Consellaría de Política Social, en San Caetano no edificio da Xunta de Galiza, os delegados e delegadas do sector de atención aos menores e responsables da CIG-Ensino realizaron unha xuntanza na que acordaron dar continuidade á campaña “Polas melloras laborais, sociais e salariais: convenio galego de menores xa!”,

A campaña nace coa finalidade de sensibilizar e concienciar ao persoal sobre a situación de precariedade e inseguridade que se dá nestes centros de atención a menores, trasladar a información sobre o traballo feito pola CIG-Ensino e comunicar as futuras mobilizacións que requiren da máxima participación do persoal traballador para acadarmos as seguintes reivindicacións:
- Que todo o persoal cobre en 2026 os incrementos salariais acordados no V convenio estatal, sen depender de cando asinen novos pregos de xestión, contratos, concertos… creando unhas táboas salariais galegas.
- Que se cree un Complemento salarial autonómico que dignifique salarios e acade a homologación salarial nas mesmas categorías, nos distintos tipos de centros, sen esperar a 2029.
- Que constituído o Marco Galego de Relacións Laborais no sector se negocie o “I Convenio Galego de atención a Menores”, que dignifique as condicións laborais e sociais.
- Que se cree unha Mesa Tripartita do sector de menores no que as tres partes, administración, patronal e social, formen parte e onde se negocien outros temas como ratios, concertos sociais...
Acordouse levar a cabo as seguintes accións reivindicativas:
- Facer asembleas informativas e/ou repartos en todos os centros do sector, entre os traballadores e traballadoras, para rematar coa convocatoria de concentracións diante dos centros de traballo o próximo día 10 de xuño e unha ampla divulgación de fotos e vídeos nas redes sociais co hashtag #ConvenioGalegoMenoresXa e mandalas co nome do centro ao correo galiza@cig-ensino.gal. As concentracións poden ser en grupos ou individuais e con cartaces reivindicativos propios ou cos modelos que vos facilitará a CIG-Ensino.
- Na semana seguinte do 16 ao 20 de xuño faranse concentracións diante das Xefaturas Territoriais de Política Social nas cidades de Ourense e A Coruña. Comunicarase o día, hora e lugar concreto, sempre que non nos reciba nin o Director Xeral, Jacobo Rey, nin a Conselleira, Fabiola García, tal e como se comprometeron no peche realizado o 15 de maio ou sempre que na xuntanza non se comprometan a colaborar e promover as negociacións nun Marco Galego de Relacións Laborais, cousa que coincidimos e compartimos coas patronais maioritarias na Galiza AGACEME e GAFIX.
A CIG-Ensino, ademais de ser o sindicato maioritario no sector, é a única OO.SS que aposta e traballa por un Ámbito Galego de Relacións Laborais no camiño de acadar o “I Convenio Galego de Menores”. Para garantir isto, e que poidades participar e opinar nas reivindicacións e nas futuras negociacións, é preciso que os centros de traballo vos organicedes sindicalmente facendo as eleccións sindicais en torno ao modelo sindical da CIG-Ensino: reivindicativo, combativo e asembleario. A solución está nas vosas mans e máis agora que os convenios autonómicos teñen prevalencia sobre os estatais, tal e como recolle unha nova norma do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras.
Novas relacionadas