Concentración esixindo negociacións cara o curso que vén

Mércores 8 ás 11:30 horas diante da Consellaría en Santiago de Compostela, e tamén en Viveiro, diante do CEP Lois Tobío

Tres semanas despois da última Mesa Sectorial, na que non se abordaron as medidas coas que Galiza vai afrontar o vindeiro curso, esiximos abrir negociacións para o desenvolvemento do curso 2020/21, negociacións que debe pasar polo aumento do profesorado e a diminución das ratios como principais garantías sanitarias para toda a comunidade educativa.

 

Esgotados todos os prazos prudenciais que tiña a administración para presentar un Plan de medidas laborais, educativas e sanitarias para o vindeiro curso, xa non queda outra que mobilizarse.

Nestes momentos, a parálise da Consellaría de Educación é unha excepción no marco estatal, despois de que a maior parte das comunidades comezaran as negociacións para un comezo de curso que ten que poder prepararse coa suficiente antelación por parte da administración, das equipas directivas e do profesorado en xeral. Nestes momentos a comunidade educativa e as familias están pendentes e preocupadas ante unha parálise que entendemos que responde exclusivamente a tácticas electorais. Pero o ensino público galego precisa tranquilidade, rigor e planificación e non pode seguir secuestrado e atado polos cálculos e estratexias electorais do Partido Popular.

Chamamos a todo o profesorado galego que o desexe a acompañarnos nesta concentración que como xa dixemos, será este mércores, 8 de xullo ás 11:30 horas diante da Consellaría, en Santiago de Compostela.

Tamén haberá, debido ás situación de confinamento que se vive na Mariña, concentración en Viveiro, diante no CEP Lois Tobío, na Avenida Martín Ledesma.

Actualización. Concentración na Mariña.

Logo do confinamento decretado pola Xunta polo rebrote na Mariña, e tendo en conta a imposibilidade de desprazamentos fóra da comarca, desde a CIG-Ensino, promovemos unha concentración na mesma data e hora (mércores 8 ás 11:30) en Viveiro.

Para cumprir coas indicacións ditadas pola Xunta, no sentido de evitar aglomeracións na entrada e saída do IES Vilar Ponte, a concentración será diante do CEIP Lois Tobío. 

Cartaz concentración Compostela.

Cartaz concentración Viveiro.

Cartaz muller por se o queredes levar ás concentración

Cartaz home por se o queredes levar ás concentracións

A CIG-Ensino anima á participación en todas as concentracións e actos que se poidan desenvolver polo país adiante

Tamén recibimos información de que nesa mesma data hai algúns centros que convocan concentracións diante de determinados concellos do país, con reivindicacións coincidentes coas que desde hai semanas vén facendo a CIG-Ensino.

Animamos ao profesorado a que participe tanto na convocatoria nacional en San Caetano como naquelas que poida ter máis perto, co obxectivo de rematar coa vergoña de termos unha Consellaría desaparecida e que despreza tanto ao profesorado como ao conxunto da comunidade educativa do país.

 

Volver