Concentración en Lugo para esixir a continuidade de Preescolar na Casa
Representantes da CIG e dos/as traballadores/as entregaron 8.000 adhesións
No acto interviñeron o secretario comarcal da CIG, Xosé Ferreiro, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e representantes de Preescolar na Casa. Anxo Louzao manifestou que “a desaparición do servizo non responde a razóns económicas senón políticas e ideolóxicas. O PP non está disposto a que prevaleza un modelo educativo inserido na realidade do país, que ten como lingua o galego e que ademais non lle serve como axente de control caciquil. Ademais amosa moi pouca sensibilidade, porque a decisión supón o despido de máis de 30 traballadores, cando podería asegurar o seu mantemento cos orzamentos que dedica a un dos concertos con centros que segregan alumnado”, explica.
No escrito presentado hoxe lémbrase que as case 26.000 sinaturas recollidas polas traballadoras e traballadores de Preescolar na Casa en menos de mes e medio para acompañar á ILP presentada no Parlamento de Galicia e os centos de adhesións tanto de persoas a nivel particular como de asociacións sociais de todo tipo que se achegan con este escrito así o avalan e representan un recoñecemento explícito ao bo traballo realizado nos últimos 35 anos e é a proba da súa vixencia, utilidade e necesidade a día de hoxe.
Sinálase ademais que o programa Preescolar na Casa e un programa implantado e consolidado na sociedade galega, totalmente necesario e moi ben valorado tanto polo propios usuarios como polo conxunto da sociedade do noso país. Ademais considéranse que é unha burla aos profesionais, ás máis de 4000 familias que o estiveron utilizando e a sociedade no seu conxunto as manifestacións da conselleira considerando Preescolar na Casa un programa obsoleto e non necesario na Galiza de hoxe e demostrando un descoñecemento do programa “impropio de quen ostenta unha responsabilidade como a súa”.