Concentración e paro parcial no CIFP Manuel Antonio para reclamar solucións aos problemas causados polas obras e máis democracia no centro
O profesorado do CIFP Manuel Antonio de Vigo convoca para mañá xoves día 5unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta que irá acompañada dun paro de tres horas para denunciar a situación do centro e esixir solucións á Consellaría
As protestas, apoiadas pola CIG-Ensino, levan varios meses producíndose debido á forma en que se están a realizar as obras de reparación das cubertas do instituto, que chegaron fóra de tempo e xeraron numerosas molestias para o profesorado, persoal non docente e o alumnado. A comunidade educativa denuncia a falta de coordinación, de comunicación e de respostas por parte da Consellaría ás demandas formuladas.
Segundo explica o persoal docente, a situación chegou a provocar filtracións de auga, pingueiras, baños anegados, charcos nas aulas, presenza de fungos e deterioro de material, xerando un ambiente pouco saudable para o desenvolvemento normal da actividade educativa.
A comunidade educativa do centro tamén reclama que se facilite o Plan de Prevención de Riscos Laborais solicitado a comezo de curso, así como a realización de medicións de posibles contaminantes, cuestións que xa foron trasladadas ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).
Tamén lembran que nos Centros Integrados de Formación Profesional a dirección non é elixida pola comunidade educativa, senón designada directamente pola Consellería, o que consideran unha das causas de falta de diálogo e participación nestes centros.
Entre as principais demandas da mobilización están:
- Recibir información sobre as obras e as súas consecuencias.
- Ter acceso ao Plan de Prevención de Riscos Laborais e que se realicen medicións de posibles axentes contaminantes.
- Convocar o Consello Social do instituto.
- Convocar un claustro para debater as propostas do profesorado.
- Reclamar a elección democrática das direccións nos CIFP.
A CIG-Ensino levou este tema á Mesa Sectorial e pediu que se convoque o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Educación sen que polo momento a DX de Recursos Humanos atendara as súas peticións. Ademais tamén contactou por teléfono e por escrito co Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Consellaría que mantén que a avaliación de riscos se fará unha vez rematen as obras.
O profesorado sinala que esta mobilización forma parte tamén dun contexto máis amplo de protestas no ensino público galego, marcado pola imposición dunha reforma da FP que está a deteriorar moito estas ensinanzas, unha gran carga burocrática, ratios elevadas, falta de medios para atender á diversidade e ausencia de resposta da Consellería ás demandas do sector.
Novas relacionadas

