
Concentración do profesorado interino e substituto contra a destrución de emprego e o recorte de dereitos
Esá convocada pola CIG-Ensino para o luns 10 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación
A CIG-Ensino lembra que o profesorado interino e substituto estase a ver especialmente afectado por medidas como a eliminación do contrato de verán ou os despedimentos derivados do aumento do horario lectivo, a redución de unidades, o agrupamento de alumnado de diferentes niveis ou a amortización de prazas do profesorado que se xubila.
Na adxudicación de destinos provisionais para Secundaria, Educación reduciu nun 55% o número de docentes que vai ter contrato para o curso 2012-2013 ao facer 999 adxudicacións menos. Estes datos súmanse a eliminación de 199 postos de traballo para o novo curso en Infantil e Primaria. Deste xeito, a destrución de emprego na Lexislatura que agora remata e á que Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, se referiu como “trienio negro” afectará a 2500 docentes.
Fronte aos recortes e na defensa dun ensino de calidade, a CIG-Ensino esixirá nesta nova mobilización que a Consellaría cese nos recortes, nos que foi pioneira, e dote aos centros de maior número de profesorado.