Concentración da CIG-Ensino denunciando os recortes de profesorado e eliminación de 14 ciclos formativos e supresión da EPA en 50 centros

Na defensa do ensino público

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse o 29 de xuño diante da Consellaría de Educación para denunciar os recortes que pretenden aplicar na FP e a na Educación Permanente de Adultos (EPA), co grave prexuízo que vai ter para a oferta educativa e para o emprego.
Concentración da CIG-Ensino denunciando os recortes de profesorado e eliminación de 14 ciclos formativos e supresión da EPA en 50 centros 


Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse hoxe, 29 de xuño, diante da Consellaría de Educación para denunciar os recortes que pretenden aplicar na FP e a na Educación Permanente de Adultos (EPA), co grave prexuízo que vai ter para a oferta educativa e para o emprego.

A respecto da FP, a Consellaría muda substancialmente as rateos mínimas para manter ou abrir ciclos de tal xeito que fai perigar moitos destes, co prexuízo que isto suporá para a redución da oferta e a eliminación de profesorado. Hai que ter en conta que no Consello Galego da FP non se aceptou esta proposta e que unha medida como esta que vai repercutir negativamente no emprego debería terse presentado e debatido na Mesa Sectorial, tal como lle corresponde por lei a este organismo. A Consellaría nin atendeu a opinión do órgano consultivo nin someteu a debate esta orde na Mesa Sectorial, amosando un autoritarismo sen precedentes.

A CIG-Ensino considera que estas medidas son un ataque ao ensino público no seu conxunto, que incide de xeito especialmente negativo no medio rural, xa que se esixe un maior número de alumnos/as para a aprobación de ciclos formativos. A isto tamén hai que engadir o carácter antisocial da liquidación de oferta de EPA. Recortes que non se aplican á subvención ao ensino privado, senón ao contrario, amosando claramente o modelo educativo da actual Consellería, subordinado ao lucro de certas minorías que utilizan o ensino como negocio, fronte ao que se precisa nunha situación de crise como a nosa que é a aposta polo ensino como servizo público, apoiando especialmente a FP para a capacitación profesional e o fomento do emprego.

A CIG-Ensino presentará un recurso contencioso-administrativo contra a Consellaría de Educación por non pasar estes recortes da EPA e FP pola Mesa Sectorial, tal como é preceptivo.

Volver