Con dous anos de retraso e sen compromisos: así comeza a negociación da profesión docente co Ministerio

A CIG-Ensino amosa un total escepticismo coa proposta de grupos de traballo e coa incerteza provocada polo propio goberno estatal ao non ter feito nada en todo este tempo

Na reunión da Mesa docente estatal de negociación tratouse hoxe, 14 de xaneiro, a proposta remitida polo Ministerio de Educación para botar a andar unha negociación sobre diferentes aspectos relacionados co futuro do profesorado, naqueles aspectos que son de competencia estatal. A proposta partía da creación de 7 grupos de traballo, que son os seguintes:

Proposta ministerial de grupos de traballo

  • Marco de Competencias Profesionais Docentes
  • Formación inicial do profesorado
  • Sistemas selectivos de ingreso na función docente
  • Titorización de prácticas e iniciación á docencia
  • Formación permanente do profesorado
  • Sistema e procedementos para o desenvolvemento profesional docente
  • Outras melloras no desempeño docente

Segundo a previsión do Ministerio, nestes grupos participarían as organizacións sindicais, unha representación das diferentes administracións autonómicas e o propio Ministerio. Na presentación da proposta non se fixo ningunha outra achega nin se propuxo ningún calendario.

Na intervención da CIG-Ensino púxose en evidencia a falta de interese e compromiso por parte do Ministerio en ter comezado con moita antelación unha negociación destas características. Así, desde o sindicato lembramos as datas que nos obrigan a desconfiar profundamente do obxectivo que se marca o Ministerio:

  • Xaneiro de 2021. A disposición adicional sétima da LOMLOE fixa un ano para que o Goberno presentase unha proposta normativa que regulase, entre outras cuestións, a formación inicial e permanente, o acceso e o desenvolvemento profesional docente.
  • Xaneiro de 2022. No prazo límite dese ano, o Ministerio presentou un documento exclusivamente declarativo e sen ningunha validez normativa, incumprindo o que a lei fixaba.
  • Xaneiro de 2024. Tanto o presidente Sánchez como a ministra Alegría comezan a nova lexislatura afirmando que esta sería “ a do profesorado”.
  • Xaneiro de 2025. O Ministerio non presenta ningunha proposta e limítase a propoñer a constitución de grupos de traballo sen un horizonte temporal determinado nin comprometer avances en temas que son demandas centrais do profesorado desde hai ano, desde a recuperación de todos e cada un dos dereitos arrebatados polo goberno de Rajoy e que o goberno Sánchez non restituíu, até aspectos fundamentais como son a redución das ratios en todas as ensinanzas ou a integración de todo o profesorado no subgrupo A1, xunto cunha mellora dos niveis de complemento docente en todos os corpos.

A CIG-Ensino non deixará de participar en calquera foro que se abra para falar das condicións nas que o profesorado desempeña o seu traballo, partindo sempre dunha premisa fundamental: o Ministerio non pode invadir competencias do noso ámbito de negociación, non pode arrogarse máis funcións das que lle son propias (excesivas desde o noso punto de vista). O Ministerio non debe “exercer o liderado”, como propón algunha organización sindical, ou “actuar con valentía fronte as administracións autonómicas” como demanda outra, nun exercicio de centralismo sindical que é tan ou máis preocupante que o que poida ter a administración.

A CIG-Ensino defende o marco galego de negociación e que todos os aspectos que garden relación coa nosa profesión se negocien onde corresponde, na Mesa Sectorial galega. Porén, e sendo conscientes do marco estatal no que nos vemos na obriga de actuar, ao pertencermos a corpos estatais, non imos deixar de levar a voz da maioría do profesorado galego a calquera grupo de traballo.

O Ministerio tomou nota das diferentes achegas sindicais e avanzou que estaba en disposición de reducir os grupos de traballo e propoñer un calendario  (dúas das propostas da CIG-Ensino e algunha outra organización), a fixar nunha próxima reunión a finais de xaneiro ou comezos de febreiro. Esta mesma proposta vaille ser trasladada ás CC.AA. nunha reunión que terá lugar mañá, 15 de xaneiro.

Volver