Comunicado por mor dos servizos mínimos para a folga do 9 de setembro no ensino concertado
O primeiro día de curso están chamadas a participar 7.000 docentes nun paro de 9 a 12 horas
A continuación reprodúcese o comunicado íntegro aprobado polas organizacións convocantes.
As organizacións sindicais FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG participamos hoxe na reunión para abordar os servizos mínimos da "folga parcial convocada para o vindeiro 9 de setembro no ensino concertado de Galicia".
E dicímolo claramente: "isto non foi unha negociación. Foi unha imposición da Consellería".
A proposta de servizos mínimos presentada pola Consellería establece:
A dirección ou un membro do equipo directivo e unha persoa subalterna en cada centro, garantindo en todo caso a apertura e peche de todos os centros, así como a custodia, seguridade e protección das persoas menores.
O 20 % do persoal docente e o 20 % do persoal complementario.
Consideramos estes servizos mínimos "abusivos, desproporcionados e inxustificados".
Resulta especialmente grave se os comparamos cos servizos mínimos establecidos pola propia Consellería nas "seis xornadas de folga convocadas no ensino público durante o curso 2025/26", onde, con carácter xeral, se estabeleceu a presencia dunha persoa da dirección ou do equipo directivo para garantir a apertura e o peche dos centros.
"Non entendemos por que para o ensino concertado se aplican agora criterios moito máis restritivos", engadindo porcentaxes do 20 % tanto para o persoal docente como para o persoal complementario.
O dereito de folga é un "dereito fundamental" e os servizos mínimos deben limitarse estritamente ao necesario para garantir os servizos esenciais. Non poden converterse nun mecanismo para reducir ou dificultar de maneira desproporcionada o seguimento dunha folga.
Desde FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG-Ensino manifestamos o noso "rexeitamento frontal" a estes servizos mínimos e denunciamos a falta dunha verdadeira vontade negociadora por parte da Consellería.
"Non aceptamos esta imposición nin o trato que se está a dar ás traballadoras e traballadores do ensino concertado". Unha vez máis, a Consellería demostra unha escasa consideración polas súas reivindicacións e pola súa capacidade de negociación colectiva.
"Esiximos uns servizos mínimos proporcionados, razoables e coherentes cos establecidos para o ensino público".
O 9 de setembro, as traballadoras e traballadores do ensino concertado exercemos o noso "dereito fundamental de folga" para defender unhas condicións laborais dignas e reclamar o respecto que merecemos.
Novas relacionadas

