Comunicado de apoio da CIG-Ensino ás delegadas do sindicato no comité de empresa da Asociación Amicos

Diante da situación de represión sindical sufrida polas compañeiras da CIG no comité de empresa de Amicos

1.- As e os delegados/as do sector da atención á diversidade funcional queremos amosar a nosa total solidariedade e apoio ás compañeiras da CIG-ENSINO no comité de empresa da Asociación AMICOS quen veñen sufrindo ataques constantes e unha represión sindical desmesurada dende que decidiron organizar e levar a cabo as eleccións sindicais nese centro.

2.- Mediante este comunicado queremos denunciar a campaña de calumnias, difamacións e mentiras que está empregando a dirección da entidade presionando agora a traballadores/as para que remitan escritos ditados pola empresa contra as delegadas da CIG, nomeadamente contra a nosa compañeira Sandra Sevilla. Lamentablemente, este é un episodio máis dunha longa lista de ataques entre os que están, entre outros, o intento de criminalización e xuízo a unha das nosas compañeiras “por darlle un golpe a unha máquina expendedora” e a quen a empresa mantén apartada do resto de compañeiros/as como claro castigo pola súa impecable actividade sindical dentro desta entidade.

3.- Lamentamos e reprobamos a actitude da dirección de AMICOS co conxunto das traballadoras/es da entidade e solicitámoslle que cese nos despedimentos e no mantemento dun clima laboral nocivo e que está obrigando a ducias de empregadas/oss a abandonar cada ano este centro de traballo. Unhas actitudes e valores totalmente contrarios aos que debera ter quen traballa con persoas con diversidade funcional, onde, máis ca nunca, o respecto, compromiso e benestar do equipo humano que conforma este tipo de entidades debera estar sempre por riba e como prioridade.

4.- Esta campaña do medo é, unha vez máis, a consecuencia de enfrontarse á dirección de AMICOS na procura dunhas condicións laborais dignas para o conxunto do persoal. Defender os dereitos das traballadoras e velar polo cumprimento do convenio non é delito. Por iso, as delegadas da CIG-ENSINO en AMICOS teñen e terán sempre o noso apoio, comprensión e solidariedade.  Estamos con vós 

Asinado polas delegadas e delegados da CIG-Ensino nos comités de:

- ASPANAES Coruña e Ferrol

- ASPRONAGA

- ASOCIACIÓN CON ELES

- ASPACE Coruña

- AMENCER

- ADISBISMUR Muros

- AVANTE Val do Dubra

-  AGASFRA

- A CREBA Noia

- FUNDACIÓN LAR

- CAPD SOUTO DE LEIXA

- ASPANAS

- ASOCIACIÓN SAN XEROME

- ASOCIACIÓN VONTADE

- CENTRO  SAN PABLO Mondoñedo

- CENTRO JUAN MARÍA

- HC SAN RAFAEL

- ASPANANE

Volver