Comeza mañá unha folga indefinida no espazo Beatriz Seijo Artist Studio en Santiago
As traballadoras deste centro de ensinanzas artísticas concentraranse mañá ás 12:30 horas diante da sede da empresa en Santa Marta
Entre as reivindicacións que levaron o persoal desta empresa a tomar esta decisión está a readmisión dunha traballadora despedida, e que tiña vinculación laboral como falsa autónoma, o recoñecemento da categoría profesional de todas as traballadoras, a redución de ratios nas aulas, a equiparación salarial e o respecto dos seus dereitos laborais, sobre todo no tocante ao cumprimento do rexistro horario, a compensación das horas extras e a regularización da antigüidade, así como a elaboración de plans de formación, do plan de igualdade e dun protocolo de seguridade para o distintos espazos de traballo.
As traballadoras, representadas sindicalmente pola CIG-Ensino, chaman a toda a comunidade educativa a sumarse ás súa reivindicacións e agardan que mediante esta medida de presión poidan rematar coa precariedade que sofren e que se respecten os seus dereitos laborais.
A concentración celebrarase a partir das 12:30 horas diante do espazo da empresa no barrio de Santa Marta, en Compostela.