Claman contra a conselleira de Política Social en Santiago pola dignificación laboral nos servizos de atención ás persoas

Persoal dos sectores de discapacidade, menores, educación infantil 0-3 anos, residencias e SAF demanda mellores salarios e máis recursos

Persoal dos sectores de discapacidade menores, educación infantil de 0 a 3 anos, residencias e Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mobilizouse hoxe en Santiago de Compostela para reclamar un sistema galego público de atención ás persoas, con salarios dignos e recursos suficientes para garantir unha prestación de calidade.

A primeira hora da mañá desenvolveuse unha protesta na Cidade da Cultura coincidindo coa presenza da conselleira de Política Social, Fabiola García, acción que posteriormente se trasladou até a sede da Xunta en San Caetano, onde se deu lectura a un manifesto que recolle as principais reivindicacións de cada sector.

As organizacións sindicais promotoras da iniciativa -CIG, CUT e SNEP- demandan unha baixada das ratios, máis persoal especializado e melloras laborais e salariais que permitan a dignificación destes sectores esenciais, ao tempo que denuncian a falta de resposta e de vontade negociadora do Goberno galego.

As persoas traballadoras dos ámbitos público e privado dos servizos sociais, educativos e asistenciais continúa a desenvolver o seu labor nun contexto marcado pola sobrecarga laboral, a insuficiencia de recursos humanos e materiais, unhas ratios que non responden ás necesidades reais das persoas usuarias e unhas condicións salariais e laborais que cómpre mellorar de maneira urxente.

Unha das principais reivindicacións é a redución das ratios e o reforzo dos cadros de persoal, coa incorporación de profesionais especializados que permitan ofrecer unha atención individualizada, segura e de calidade. Esta demanda afecta directamente ás persoas con discapacidade, aos menores en situación de protección, á infancia de 0 a 3 anos, ás persoas maiores e ás persoas en situación de dependencia.

“É imprescindible revisar a normativa obsoleta, adaptar os recursos ás necesidades reais dos centros e garantir que a atención directa conte co persoal suficiente en todas as quendas, incluídas as noites, as fins de semana e os días festivos. Non podemos permitir que os sistemas de cómputo global das ratios oculten situacións de falta de persoal que comprometen tanto a calidade asistencial como a seguridade das persoas traballadoras e usuarias”.

Salarios dignos e melloras laborais

As organizacións sindicais esixen a recuperación do poder adquisitivo perdido, a garantía de actualización salarial conforme ao IPC e a negociación de melloras laborais e sociais que permitan avanzar cara a unhas condicións dignas e xustas.

As organizacións sindicais esixen a recuperación do poder adquisitivo perdido, a garantía de actualización salarial conforme ao IPC e a negociación de melloras laborais e sociais que permitan avanzar cara a unhas condicións dignas e xustas.

No ámbito privado, reclámase a aplicación efectiva dos incrementos salariais acordados nos convenios estatais, sen demoras nin condicionamentos vinculados á renovación de contratos, concursos ou concertos. Así mesmo, esíxese a constitución de mesas tripartitas galegas, coa participación da Administración, das organizacións sindicais e das patronais, para negociar complementos salariais autonómicos e avanzar na equiparación das condicións laborais.

No SAF demandan a dignificación do persoal auxiliar, a equiparación salarial conforme á titulación requirida, o recoñecemento de todas as horas efectivamente traballadas -incluídos os desprazamentos que correspondan-, a estabilidade no emprego, a cobertura das vacantes e baixas e a garantía efectiva dos permisos e das vacacións. E protocolos de prevención e actuación fronte ás situacións de violencia, tanto nos domicilios como nos centros de traballo.

Reivindicacións específicas

As demandas comúns compleméntanse con medidas urxentes adaptadas á realidade de cada ámbito:

-Discapacidade: redución das ratios, ampliación dos cadros de persoal, máis centros públicos especializados e mellora dos espazos e recursos dos Equipos de Valoración e Orientación (EVO).

-Menores: negociación inmediata da actualización do Decreto 329/2005, revisión das tipoloxías dos centros, reforzo dos equipos profesionais e garantía de formación específica e tempo de programación dentro da xornada laboral.

-Educación infantil de 0 a 3 anos: integración do primeiro ciclo de Educación Infantil na Consellaría de Educación, implantación da parella educativa, redución das ratios, mellora dos recursos e establecemento dun calendario escolar que favoreza a conciliación familiar e o dereito das crianzas a compartir tempo de calidade coas súas familias. Reclaman, ademais, a promoción da lingua galega nesta etapa educativa.

-Residencias, centros de día, centros de noite, vivendas tuteladas e fogares residenciais: equiparación das condicións laborais e salariais co sector público, reforzo dos recursos humanos e materiais e protocolos de seguridade fronte á violencia.

-Servizo de Axuda no Fogar: avance cara a un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas, con condicións laborais homoxéneas, contratación máis estable, xornadas continuas, recoñecemento dos tempos de desprazamento e protección efectiva da saúde laboral.

No ámbito público, demandan ademais a protección física e xurídica do persoal técnico, o reforzo das equipas de menores, o recoñecemento das funcións e condicións de traballo do persoal auxiliar coidador e a dotación dos centros de Educación Especial cos profesionais que precisan.

Por unha negociación real

As organizacións sindicais consideran prioritario mellorar as condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva. Para iso, esixen a apertura das mesas tripartitas no Consello Galego de Relacións Laborais para o ámbito privado e das correspondentes mesas de negociación coa Dirección Xeral de Función Pública para o ámbito público.

“A Xunta non pode continuar ignorando as demandas dun persoal que sostén servizos imprescindíbeis para milleiros de persoas e familias. A falta de diálogo e de compromiso político está a agravar un conflito que só poderá resolverse con negociación, recursos suficientes e acordos concretos”.

Polo que se non se abren vías de diálogo reais e non adoptan medidas efectivas para dignificar os servizos sociais “o conflito continuará medrando”. Nese escenario, non descartan novas mobilizacións nin mesmo xornadas de folga nos centros de traballo dos sectores afectados.

“A atención ás persoas non pode sosterse a custa da precariedade de quen as coida. Defender os dereitos laborais dos profesionais é tamén defender os dereitos das persoas usuarias e a calidade dos servizos que reciben”, rematan.

Volver