CIG-Ensino traslada o seu apoio ao persoal da Escola Infantil de Cambre e reclama ao Concello que arranxe a calefacción
Nenos/as e traballadoras/es teñen que soportar baixas temperaturas por un problema no sistema de climatización que se coñece dende o verán
Dende a CIG-Ensino reclámase ao Concello de Cambre que asuma as súas responsabilidades, arranxe de inmediato a calefacción e deixe de pretender botar a culpa da situación do centro ao persoal e ao equipo directivo. Neste senso, cabe lembrar que o goberno municipal tiña preciso coñecemento dos problemas do sistema de climatización dende primeiros de xullo pasado, cando o persoal da escola lle comunicou por escrito ao Concello as deficiencias rexistradas no sistema de climatización.
Ademais, a empresa que se encarga do mantemento, Eulen, emitiu dous partes nos que informaba da necesidade de arranxar a calefacción, así como da imposibilidade de acceder á maquina para o seu arreglo. Do mesmo xeito, a primeiros de agosto, Eulen informa ao Concello que a calefacción funciona nos despachos e no corredor, pero non nas aulas e que hai unha placa estragada, que queda pendente de orzamento para solicitar a peza.
De todo isto, o Concello era perfecto coñecedor, mais non adoptou medida algunha para corrixir esta situación, polo que a CIG-Ensino rexeita a tentativa do goberno local de botar a culpa dos problemas na escola ás traballadoras e traballadores e á equipa directiva, cando o persoal do centro foi o primeiro en dar a voz de alarma a respecto destas deficiencias.
Así mesmo, a CIG-Ensino faise eco do malestar das/os traballadoras/es que veñen advertindo dos problemas no sistema de climatización dende hai anos sen que a administración teña tomado cartas no asunto, mermando así a cualidade deste servizo público e provocando condicións non aptas para o coidados dos nenos e nenas que acoden a esta escola infantil.