CIG-Ensino traslada a necesidade de incrementar os títulos de grao básico, de regular a dual intensiva e de controlar o desvío de fondos públicos da FP ao sector privado

O sindicato participou esta semana no Consello Xeral de FP do Estado e no Consello Galego de FP, nos que amosou tamén a súa preocupación polas prazas desertas nas oposicións das especialidades de FP e polas dificultades para cubrir substitucións.

O sindicato maioritario en Galiza aproveitou estes dous órganos consultivos para instar por unha banda á secretaria xeral de FP do Ministerio a que detallen as transferencias económicas ás CCAA destinadas á Formación Profesional despois de revelar que os centros públicos do sistema educativo xestionan só o 2% da formación das persoas traballadoras e, por outra banda, á directora xeral de FP a que a Consellaría de Educación asuma en Galiza a xestión dos antigos tres subsistemas de Formación Profesional para evitar o negocio e a especulación coa formación profesional.

Esta semana a CIG-Ensino participou nos dous principais órganos consultivos que existen a nivel de formación profesional. Por un lado, o luns asistiu á reunión do Consello Xeral de FP no que ten representación por ser o sindicato máis representativo nas administracións públicas galegas, o que lle permite levar as reivindicacións do profesorado galego diante do Ministerio. Aínda que na orde do día se abordaba sobre todo a aprobación de novos certificados profesionais e un borrador de RD referente á expedición dos títulos dixitais de todas as ensinanzas, a responsábel de FP da CIG-Ensino, Montse Pernas, non desaproveitou a oportunidade para demandar do Ministerio maior transparencia respecto do uso dos fondos públicos destinados á formación profesional. Tras coñecer por boca da secretaria xeral de FP, Esther Monterrubio, que os centros públicos do sistema educativo só xestionan o 2% da formación dirixida a persoas traballadoras, o sindicato lamentou que non se materializara na práctica un dos poucos aspectos positivos que tiña a nova Lei Orgánica de FP: a integración dos tres subsistemas da FP, a formación ocupacional, continua e regrada, baixo o paraugas de Educación. Neste sentido instou a que o Ministerio fiscalice o uso que fan as CCAA dos fondos que centraliza en exclusiva este departamento e que os faga públicos. A secretaria xeral de FP recoñeceu que en moitas comunidades, como en Galiza, os fondos para formar a persoal desempregado ou ocupado seguen baixo a xestión de Emprego que á súa vez os derivan a moitas empresas e entidades privadas. Hoxe mesmo a CIG-Ensino volveu insistir durante o Consello Galego de FP, no que están representadas catro Consellarías, en que os centros educativos públicos poidan impartir graos A e B, ademais dos graos C que xa nestes intres se ofertan de forma minoritaria. En resposta a esta demanda a directora xeral de FP, María Eugenia Pérez, comentou que aínda que a intención da Lei Orgánica efectivamente era a integración dos tres sistemas en Galiza e que esta permitiría esta impartición “a formación profesional galega está organizada en base a dinámicas estruturadas dunha determinada forma”.

Outro aspecto que a CIG-Ensino abordou nas dúas reunións foi a necesidade de incrementar a oferta de títulos de FP básica para que estes graos respondan realmente ás necesidades de todo o alumnado galego e esta non se concentre só nas cidades. De feito o sindicato lembrou que se están a aprobar moitos novos certificados profesionais en comparación con títulos básicos, paralizados desde hai máis de 12 anos. Ambas administracións recoñeceron que é prioritario acometer o deseño de novas titulacións deste nivel, algo que é competencia ministerial, aínda que a súa implantación posterior é da Consellaría.

Aproveitando que hoxe se debatían de novo no Consello Galego de FP as Ordes dos currículos dos ciclos, que non van ter un desenvolvemento individualizado posterior como se informou na última Mesa Sectorial, entre eles os da FP básica, a CIG-Ensino preguntou polas aulas nómadas previstas para Carral e Vigo indicando que en ningún dos dous casos obtiveron o número necesario de preinscricións cando menos en primeira opción, 6 e 9 respectivamente, para poder ofertar estas ensinanzas.

A directora xeral volveu insistir -ante as críticas de que a súa ubicación se decidira sen diálogo coas direccións dos centros- en que estas estiveron totalmente informadas desde o primeiro momento e indicou que hai que agardar ao día 10 que é cando se fai a adxudicación. Dado que no caso da FP básica existe unha comisión de escolarización por zona será esta a que determine a onde se destina o alumnado que queda sen praza noutros centros da contorna e incidiu en que os dous ciclos, tanto de Automoción como de Electricidade e Electrónica eran dos máis demandados de Galiza. Preguntada por cando está prevista a instalación das aulas ambulantes dado que, de ir adiante nos dous centros, semellaba que non se ía producir até o mes de setembro a explicación foi que ao longo deste mes é preciso facer unha base sólida de cemento e que despois se instalará porque xa está totalmente preparada e equipada e non precisa ningún tipo de obra. A CIG-Ensino reiterou que está totalmente en contra de que se nomee a dedo o profesorado que vaia impartir estes estudos profesionais o vindeiro curso nos dous centros.

Aínda no que ten a ver cos proxectos de Ordes dos currículos o sindicato solicitou de novo que se determine neste documento, no apartado de profesorado, e non nas instrucións de inicio de curso quen ten prioridade á hora de impartir os módulos dos cursos de especialización porque aínda que houbo un lixeiro cambio na redacción nestas últimas segue aberta a diferentes interpretacións e insistiu en que debe ser profesorado con destino definitivo no centro o que asuma esta responsabilidade, e nunca persoal en comisións inexistentes para esta función. A este respecto a administración comprometeuse a estudar se é necesario detallar máis a orde de prioridade.

Por outra banda, o sindicato nacionalista fixo moito fincapé en que é preciso regular tanto a nivel estatal como a nivel galego o réxime dual intensivo porque existen moitas lagoas xurídicas e alumnado e profesorado están moi desprotexidos en canto a normativa e dereitos, sobre todo cando se produce calquera accidente fatal como este curso en Vilalba. A secretaria xeral de FP recoñeceu que hai empresas que cometen infraccións e animou a que se penalice a quen non respecta que esta é unha modalidade formativa e non laboral pero non respondeu a respecto de ir un paso máis alá a nivel normativo.

Reforma urxente do sistema de oposicións

Nos dous órganos a CIG-Ensino tamén amosou a súa preocupación porque este ano semella que vai haber de novo un alto índice de prazas desertas nas oposicións, con moita maior incidencia nas especialidades de FP que nas outras ensinanzas. A este respecto detallou na reunión desta mañá que segundo datos proporcionados polo propio persoal opositor pasaron á segunda fase das oposicións só 9 aspirantes para 30 prazas en Informática, 15 de 40 en SAI, 13 de 20 en Transporte e Mantemento de Vehículos, 6 de 10 en Soldadura, 4 de 6 en Fabricación e instalación de carpintería e moble co proceso case rematado, 22 de 33 en PXA, 18 de 20 en ADE, en Organización e Xestión Comercial 13 de 15...

“A responsabilidade é compartida entre as dúas administracións: o Ministerio ten que actualizar xa temarios do ano 96 e o procedemento de concurso-oposición  do ano 2007 para adaptalo ás novas demandas do sector educativo e a Consellaría, que se negou a ter unha Mesa Sectorial específica para ver como mellorar este proceso antes de publicar a convocatoria, ten que reflexionar sobre estes resultados. Ademais, a DX de FP debera facelo especialmente porque se está trasladando a mensaxe de que o profesorado peor preparado e con peor nivel de toda Galiza é o destas ensinanzas, algo que desde a CIG-Ensino poñemos en dúbida dado que á docencia na FP accédese maioritariamente despois de anos de experiencia profesional no sector privado vinculada con parte dos contidos das áreas que se van impartir. Ademais estes resultados teñen un claro efecto desmotivador para moito persoal opositor e non contribúen a que a docencia se vexa atractiva para moitos profesionais que agora mesmo prefiren o sector privado e que non se animan a dar o salto ante a futura dificultade de aprobar este proceso selectivo, o que está provocando dificultades para cubrir as substitucións en determinadas especialidades”, indicou a representante da CIG-Ensino.

Na súa resposta as responsábeis de FP das dúas administracións desviaron a responsabilidade desta situación á área de RRHH e no caso da directora xeral de FP recordou que os tribunais son soberanos, malia que as presidencias son escollidas pola administración e recoñecer que todos os anos se lles dan instrucións antes do inicio do procedemento.

Por último, sobre o banco de módulos optativos no que afirmou estar traballando o Ministerio para que poidan empregalo desde as CCAA, a CIG-Ensino solicitou á Consellaría que deixe aberta a redacción das Ordes dos currículos dos ciclos para que os centros poidan recorrer a eles no caso de aprobarse nun futuro. A directora xeral indicou que probabelmente poderían ter encaixe no módulo de Afondamento que está pensado tamén para adquirir habilitacións e certificacións profesionais. Neste sentido, a CIG-Ensino criticou que este módulo teña unha duración demasiado escasa para ese tipo de aspiracións, dado que no centro educativo apenas non se chegan ás 20 horas e que iso tería sentido se non se dualizase ou, como propoñía a CIG, se ampliase a súa duración a 90 horas. A directora xeral respondeu que moitas desas formacións habilitantes, certificacións ou carnés (carretilla elevadora, manipulación de alimentos, aplicación de fitosanitarios…) tamén se poderían obter durante a fase de formación na empresa. 

Volver