CIG-Ensino solicita á Consellaría o pago de oficio das subas salariais ao se reincorporar dunha baixa médica

O sindicato demanda da Consellaría unificar criterios nas Direccións Territoriais e evitar que o profesorado teña que reclamar nunha cuestión xudicialmente resolta

O profesorado que se atopa nunha situación de incapacidade temporal (IT), cobra integramente as súas retribucións durante esa baixa médica, un dereito recuperado logo dos recortes impostos polo goberno Rajoy contra o que a CIG-Ensino sempre amosou un total rexeitamento e que centrou no seu momento as mobilizacións no marco do sector público promovidas polo sindicato.

Con todo, a Lei 2/2015 do emprego público de Galiza, reproduce no seu artigo 146 que ese 100% das retribucións fixas a cobrar serán a do mes do inicio da incapacidade temporal, sen mencionar o dereito a recuperalas unha vez rematada a IT. Así, se unha docente perfecciona un sexenio durante o tempo de baixa ou cumpre un trienio, non vai percibir o incremento salarial correspondente até que remate a IT e se incorpore ao posto de traballo. Esa mesma situación dáse igualmente no caso das subas salariais ordinarias de cada ano se a efectividade da suba nos colle de baixa médica.

Recentes sentenzas, precedidas dunha do TSXG, obrigan á Consellaría a mudar ese criterio e pagar as contías correspondentes ao interpretar que a administración impón ao funcionariado, con esa medida, un maior agravio do que se deduce da normativa.

Non poñer máis trabas: pagar de oficio

A CIG-Ensino constatou que non existe aínda unha instrución xeral por parte da Consellaría para as catro Direccións Territoriais, malia que xa se está, cando menos nalgunha, recoñecendo ese dereito en vía administrativa. Por iso, o sindicato vén de dirixir un escrito ao director xeral de Centros e RR.HH. para que non só se unifiquen criterios senón para que se paguen de oficio os atrasos vinculados ás modificacións salariais durante o tempo de baixa médica, unha vez que esta remata, aplicando eses atrasos na seguinte nómina á incorporación ao centro de traballo.

Rexeitar esta solicitude, que busca un recoñecemento global dun dereito a todo o profesorado ao tempo que se evita ter que reclamar por algo que a propia xustiza entende como un agravio, só se podería entender como unha media mesquiña pensada para aforrar unha parte do noso salario no convencemento de que moito profesorado pode non reclamar ao descoñecer este dereito. A CIG-Ensino queda á espera dunha resposta da dirección xeral ao escrito presentado.

Volver