
A CIG-Ensino rexeita a segunda proposta de borrador da xubilación parcial anticipada no ensino concertado
A segunda proposta de borrador foi entregada ao comezo da Mesa Tripartita sen ser aceptada nin unha soa emenda de todas as presentadas.
Logo dun ano xusto da sinatura, polas organizacións sindicais de sempre, do miserento anterior “Acordo de xubilación parcial anticipada con contrato relevo”, a Consellaría de Educación convocou, tarde, mal e arrastro, a Mesa Tripartita da Concertada para o 28 de xullo coa pretensión de xustificar e aplicar un novo recorte de dereitos sobre o acordo anulado de 2024 (asinado con esta cláusula de remate!!), tal e como manifestou a CIG-Ensino tras a primeira proposta enviada por correo a finais de maio e que se puido emendar en prazo até o 4 de xuño.
Esta segunda proposta de borrador cualifícase por si soa coa lectura das novidades en vermello (unicamente cambios normativos, técnicos e de expresión, nada en dereitos e avances) e por ser rexeitada por todas as organizacións da Mesa (patronais e sindicatos). Todas se preguntaron: para que se solicitaron emendas se non se atendeu ningunha? Por que esta demora inxustificada no tempo (sen novos contidos polas emendas), convocando a mesa o 28 de xullo ás 13 horas, sen tempo de reacción e negociación? Especialmente cando se quere comezar coa súa aplicación en setembro!
A CIG-Ensino rexeitou contundentemente esta segunda proposta da Consellaría, cualificándoa de inaceptábel, de falta de respecto e desconsideración; así como de ser unha nova tomadura de pelo ao persoal traballador, tanto polas formas como polos feitos. Polas formas, ao ser entregada ao comezo da Mesa sen tempo para valorala (nótase que está feita con urxencia e a última hora, ver erros ortográficos); e polos feitos, ao recoller o mesmo contido que a primeira proposta sen ser aceptada unha soa emenda das presentadas en prazo polas organizacións presentes na mesa.
Na súa resposta, a Consellaría xustificouse por impor e manter este novo texto por axustarse á cantidade orzamentaria dedicada ao anterior acordo de 2024 asinado polas patronais e a maioría sindical. Igualmente, solicitou novas emendas que estudaría para mandar unha nova proposta e convocar a Mesa coa finalidade de asinar o novo acordo que debera entrar en vigor en setembro, ou retiraría a proposta.
A CIG-Ensino mantivo as emendas propostas en prazo para a primeira proposta (ver neste enlace) e solicitou un cambio de rumbo á Consellaría. Primeiro, convertendo esta Tripartita nunha verdadeira mesa de negociación e non meramente informativa e de imposición, como está a funcionar; e segundo, apostando dentro das súas políticas educativas por unha educación de calidade con acordos que recoñezan e recuperen dereitos arrebatados e non acordos de renuncias e involutivos, baseados no recorte.
Na contra, as demais organizacións limitáronse a presentar novas emendas conxuntas, deixando caer algunhas delas como aplicar dous anos no canto de un para xubilarse parcialmente, todo na liña do anterior acordo asinado en 2024. Ante isto, a CIG-Ensino só ve posíbel unha mínima ou nula rectificación da Consellaría, que non comparte. A bos entendedores/as, poucas palabras!
A suba do 0,5% pendente dende xaneiro de 2024 vaise aplicar na nómina de setembro xunto cos atrasos
Para a CIG-Ensino este incremento pecha o Acordo "de perdas" asinado en 2022 até 2024 polo goberno estatal e CCOO/UGT, no mal chamado acordo de "Recuperación da perda de poder adquisitivo", pois supuxo tristemente, aumentar a perda adquisitiva nun 2,30% ( isto subíu o IPC por enriba da suba salarial do acordo: 3%+0,5% de 2022, do 2,5% +0,5%+ 0,5% de 2023 e do 2%+ este 0,5% de 2024, total un 9,5%). O IPC destes 3 anos foi o 11,8%.
Deste xeito a perda de IPC acumulada dende o recorte do 5% do goberno Zapatero, vaise a preto dun 20% de depreciación salarial na concertada, e que os sindicatos estatais aceptan(sendo cómplices) e venden como bos acordos asinando as táboas salariais do convenio estatal, tanto do pago delegado coma do resto.
Naquel momento da sinatura do acordo salarial, a CIG denunciou esa posíbel perda de poder adquisitivo, e atinaba na súa proposta reivindicando un 5% de suba anual para recuperar IPC perdido, así como unha cláusula de revisión salarial á alza que garantira como mínimo o IPC anual.
As táboas de 2025 e seguintes anos están pendentes de negociar e o triste é que os mesmos asinantes de 2022 seguen as mesmas pautas no famoso “Diálogo Social” que é un ámbito excluínte e enterrador de dereitos salariais e laborais, como se pode ver acordo tras acordo. Dende a CIG seguiremos exixindo a negociación nos ámbitos e mesas correspondentes en función da representatividade e dereito sindical, denunciando a imposición desa fraude dos acordos no diálogo social.
Novas relacionadas