CIG-Ensino non participará na farsa dunhas reunións de vacantes sen capacidade de negociación

O sindicato reitera a súa denuncia de opacidade e unilateralidade e non acepta formar parte dunha escenificación indigna para o profesorado e a súa representación sindical

Este verán de 2024 vai ser o primeiro no que as reunións das xuntas de persoal provinciais coas xefaturas da inspección educativa non tiveron lugar con antelación á publicación da resolución provisional dos destinos provisionais.

As reunións das xuntas de persoal para “negociar” as vacantes que se deben adxudicar como destinos provisionais arrastra desde hai moitos anos unha merecida fama de perda de tempo por varios motivos. En primeiro lugar, é unha “negociación” parcial xa que non se negocian as vacantes de secundaria ao empregar o “cupo” (imposto pola Consellaría) e a determinación das prazas concretas polas direccións, como escusa. As únicas prazas que se poñen enriba da mesa son, por tanto, as de infantil e primaria e normalmente con pouca marxe para que as organizacións sindicais poidamos contrastar coas achegas que recibimos dos centros. Con todo, esas reunións foron sempre antes de que se adxudicasen as prazas.

Este final de curso caracterízase pola comunicación desordenada de supresións (até o propio día 24), por cambios de criterio, con autorizacións e desautorizacións de prazas e unidades, cos cambios e supresións no catálogo de postos de traballo que irá ao DOG xa pechados pola Dirección Xeral de Centros sen previa negociación nin comunicación cos sindicatos, e cunha política de ocultación de información que nos leva a que ninguén mais que os altos cargos nos servizos centrais e nas direccións territoriais soubesen 24 horas antes que prazas se van adxudicar na tarde deste venres 26.

Nesta situación a CIG-Ensino considera que a soberbia e a falta de vontade de interlocución da Consellaría con quen representamos o profesorado mais tamén coas direccións dos centros non pode verse acompañada pola participación, como se nada, nunhas reunións que nestas datas perderon xa o reducido papel que xogaban.

CIG

É así que o sindicato maioritario, por dignidade e respecto ao papel fundamental que debemos ter as organizacións sindicais en todo tipo de relacións coa administración pública da que dependemos como docentes, non vai asistir ás reunións que se convoquen, se é que se convocan en todas as direccións provinciais, algo que neste momento nin sequera está previsto. Non podemos facernos partícipes dunha farsa na que os recortes, o peche de unidades ou a aplicación de novas ratios como lle peta a administración non respecta, nin sequera formalmente, os mínimos prazos e regras básicas de debate e interlocución.

Ligazóns a toda a información do CADP

Volver