CIG-Ensino insta a Feijóo a abandonar posicións ultras e a desconfinar o galego

As palabras de onte son “indignas” dun presidente dunha comunidade con lingua propia e condición de nacionalidade histórica.

Todos os datos obxectivos e as recomendacións do Consello de Europa avalan a necesidade de protexer e normalizar a nosa lingua que ficou relegada das materias científico técnicas e dalgunhas etapas como infantil, educación especial, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial como consecuencia do Decreto de Plurilingüismo aprobado por Feijóo en 2010.

A CIG-Ensino cualifica de “graves” ataques ao galego e de “indignas” as palabras vertidas onte polo presidente da Xunta nas redes sociais ao respecto da emenda aprobada no Congreso da LOMLOE e que di que hai que garantir nun país coma o noso o coñecemento e a competencia nas dúas linguas cooficiais e adoptar medidas para compensar as carencias que puideran existir en calquera delas, tal e como se pode ver no texto literal: 

  1. As administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e alumnas a recibir ensinanza en castelán, e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e normativa aplicábel… 
  1. As administracións educativas aplicarán os instrumentos de control, avaliación e mellora propios do sistema educativo e promoverán a realización de análises por parte dos centros, de modo que se garanta que todos os alumnos acaden a competencia en comunicación lingüística, en lingua castelá e no seu caso nas linguas cooficiais, no grao requirido. Así mesmo, impulsarán a adopción por parte dos centros das medidas necesarias para compensar as carencias que puideran existir en calquera das linguas. 

Desde o sindicato maioritario no ensino público galego pregúntamoslle a Feijóo con cal destas premisas non está de acordo e como é que un presidente dunha comunidade autónoma histórica e con lingua propia adopta posicionamentos ultra propios de formacións de extrema dereita coma Vox neste tema. Así mesmo, lembrámoslle que debe cumprir as recomendacións do Consello de Europa ao respecto da protección e salvagarda das linguas minorizadas, para o que debería empezar por derrogar o Decreto do Plurilingüismo, a norma que invisibiliza o noso idioma en moitas etapas educativas (nomeadamente infantil, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial) e que o relega das materias científico técnicas. Un Decreto que, tal e como avalan os datos estatísticos, contribuíu a que a cuarta parte da comunidade escolar non sexa competente na nosa lingua e que o número de alumnado que a emprega ao remate da escolarización obrigatoria é menor que cando a empeza. Isto demostra que a escola se converteu nun dos factores principais de desgaleguización na sociedade. 

Así pois, instamos ao presidente Feijóo a que cumpra o mandato da Lei de Normalización Lingüística e das institucións europeas e que tome nota do Acordo de base para un novo Plan de Normalización do galego no ensino presentado o mes de xullo pasado e que contou co apoio de tres organizacións sindicais do profesorado, entre elas a CIG-Ensino, da Mesa pola Normalización Lingüística, de ANPAS galegas, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e de Nova Escola Galega.

 

 

 

 

 

CIG-Informa sobre os ataques ao galego de Feijóo

Documento


Volver