CIG-Ensino insta á Consellaría a resolver os problemas de inscricións nas oposicións docentes polo retraso para obter a chave 365

Aos problemas xerais detectados nos centros de saúde para poder tramitar a chave 365 únese a demora na xestión nos rexistros da Xunta, que nalgúns caso daban onte cita previa para o día 19, último día de prazo para se inscribir nas oposicións

En varias sedes territoriais da Xunta de Galiza as citas previas para poder tramitar a alta na chave 365 (un dos medios para poder acceder á sede electrónica da administración galega, xunto co certificado dixital ou DNI-e) están xa no día 19, xusto o último día para se poder matricular. Por outro lado, os centros de saúde, con carácter xeral, están poñendo trabas á tramitación nas súas dependencias. Esta situación demostra unha falta de organización interna da Xunta que non dá instrucións claras e idénticas para todas as súas dependencias.

 

En todo caso, e no que atinxe á Consellaría de Educación, a CIG-Ensino trasladou na mañá de hoxe este problema á Dirección Xeral, solicitando que se tomen todas as medidas necesarias para evitar que haxa persoas aspirantes a se matricular que teñan problemas para facelo.

A Consellaría, que afirmou ser coñecedora do problema nos propios rexistros da Xunta, comprometeuse a buscar unha solución que fará pública a principios da próxima semana e que dependerá dos propios recursos da Consellaría, nas propias dependencias das Xefaturas Territoriais e nos Servizos Centrais. A administración non descarta que algúns centros educativos poidan tamén exercer esa función de tramitación da chave 365, algo que para a CIG-Ensino non se debería producir, pola  sobrecarga de traballo actual e pola limitación de persoal administrativo.

En todo caso, a CIG-Ensino solicitou que se axilice a solución canto antes e se informe no portal educativo e na aplicación de oposicións. No caso de que se detecte que a resposta é insuficiente, a Consellaría debería valorar a posibilidade de ampliar o prazo. A Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo limita as ampliación de prazos á metade do prazo inicialmente fixado. A CIG-Ensino seguirá pendente da evolución das medidas que adopte a Consellaría e chama ás opositoras e opositores a informar de calquera incidencia que se produza nas próximas datas, unha vez que se amplíen os puntos para obter a chave 365.

 

Volver