CIG-Ensino, FSIE, UGT, CCOO, USO e SNEP anuncian folga para o primeiro día lectivo do curso 26/27 se Educación non abre negociacións na Mesa Tripartita do ensino concertado

Centos de persoas traballadoras do ensino concertado concentráronse diante dos edificios administrativos da Consellería de Educación na Coruña, Vigo e Compostela en prol das súas xustas e lexítimas reivindicacións

As mobilizacións, fronte á Consellería de Educación e as Xefaturas Territoriais da Coruña e de Vigo, amosan o fastío das máis de 7.000 persoas que traballan no ensino concertado en Galiza fronte á actitude da Xunta respecto das súas condicións laborais, sociais e salariais.

As seis OO.SS. representativas do sector chamaron a actuar con responsabilidade ao conselleiro, Román Rodríguez, para que deixe de converter a Consellaría de Educación nunha auténtica fábrica de conflitos e cambie o rumbo das súas políticas educativas, abrindo negociacións na Mesa Tripartita do ensino concertado pois, do contrario, anuncian comezar o primeiro día de clase do curso 2026-2027 cunha xornada de folga.

Entre as principais reivindicacións destacan a redución do horario lectivo, a equiparación salarial co profesorado da pública, a recuperación da paga extraordinaria de antigüidade (PEA) e o abono de complementos por cargos (coordinacións, titorías, dinamización lingüística...), a extensión do dereito á xubilación parcial a todo o profesorado do sector e a garantía de recolocación de todos os postos de traballo que se poidan perder, un complemento autonómico para o persoal de administración e servizos (PAS), entre outras.

A continuación reprodúcese o manifesto lido nas concentracións realizadas diante dos tres edificios administrativos:

Todas as organizacións sindicais do ensino concertado estamos hoxe aquí mobilizándonos porque solicitamos que a Consellería de Educación nos reciba e se inicie o desbloqueo e a negociación na Mesa Tripartita de novos Acordos tan necesarios para o persoal traballador do sector, así como a recuperación doutros incumpridos ou bloqueados.

Temos moitas razóns para protestar, reivindicar e estar moi cansas e cansos:

 - Porque só se acordan de nós para establecer novas obrigas, novas cargas, recortes e máis burocracia e todo sen pasar pola Mesa de Negociación Tripartita.

 - Porque se nos obriga a impartir sete horas lectivas máis en secundaria, e dúas en primaria e infantil. As medidas de redución de carga lectiva para a mellora da calidade educativa non se van aplicar no noso sector, o que implica que haxa profesorado e alumnado de segunda.

 - Porque levamos máis de dezaoito anos esperando por algúns temas, como o desbloqueo da Lei de Orzamentos para executar o Acordo de 24 de abril de 2008 negociado, asinado e publicado no DOG que recoñecía un complemento de equiparación salarial, equiparación que hoxe en día ten unhas diferencias salariais de máis do 10%, así como a redución da xornada lectiva. Redución da xornada lectiva que a día de hoxe non se está a negociar na ensinanza concertada.

 - Porque, utilizando a lei de orzamentos, se está bloqueando tamén o abono da paga extraordinaria de antigüidade (PEA), así como calquera outro recoñecemento por antigüidade, e o abono dos complementos de certos cargos, dinamización lingüística, coordinacións, titorías,...

 - Porque o último acordo de xubilación parcial deixa fora aos compañeiros e compañeiras con parte da súa xornada en pago privado, así como que o Acordo de Recolocación non garante manter todos os postos de traballo.

 - Porque o persoal de administración e servizos (PAS), fundamental nos nosos centros, ten unhas condicións de miseria, sendo necesario aprobar para eles un complemento autonómico retributivo.

 - Porque a Mesa Tripartita do ensino concertado, cando esporadicamente se reúne, non cumpre a súa función de ser organismo de negociación, senón de información do que lle interesa á Consellería.

Son moitos agravios durante moitos anos que levaron ao persoal do sector do ensino concertado en Galicia á situación de desamparo na que nos atopamos. Falamos dun terzo da educación en Galicia, de máis de sete mil profesionais que colaboran co seu traballo diario a manter, dignificar e potenciar a calidade da educación en Galiza da que tanto presume a Consellería de Educación.

Necesitamos que se nos escoite!

Necesitamos que se negocie con nós!

Necesitamos que se melloren as condicións laborais, sociais e salariais dos profesionais do ensino concertado en Galicia!

Acordos na concertada, xa!

Volver