CIG-Ensino e STEG péchanse na Consellaría até ter data de reunión co conselleiro ás portas da cuarta e quinta xornada de folga docente
Un grupo de 15 delegados e delegadas das dúas organizacións permanecen nas dependencias de Educación en San Caetano despois de coñecerse polos medios de comunicación que se está negociando o adianto da baixada de ratios e da redución horaria en secundaria
A secretaria nacional da CIG-Ensino Laura Arroxo enmarca esta acción reivindicativa na estratexia de visibilizar o conflito laboral que mantén o profesorado galego coa Consellaría de Educación desde o inicio deste curso. Ademais sinala que "despois de coñecerse que no marco da comisión de seguimento do acordo se están negociando avances en materia de recuperación horaria e de redución de ratios en Secundaria a Consellaría non pode deixar á marxe ao sindicato maioritario nin ás organizacións que están convocando as mobilizacións que está secundando maioritariamente o profesorado galego desde o inicio de curso.
"Ademais -incidiu- as cuestións que están enriba da mesa superan o propio acordo, tal e como demanda a CIG-Ensino. Está claro que estes movementos non se producirían se non houbera estas mobilizacións, dado que o acordo supeditaba estas baixadas no caso do horario a que a xornada do funcionariado pasase ás 35 horas semanais (algo que hoxe en día non está enriba da mesa) e no tema das ratios de secundaria non se ía iniciar a negociación até o remate da aplicación das novas ratios en infantil, isto é, no curso 26/27".
"Despois de falar co persoal do conselleiro permaneceremos aquí até ter unha data de reunión e mantemos as folgas da vindeira semana que coincidirán coa aprobación dos orzamentos da Xunta para 2026", sentenza.
Novas relacionadas

