CIG-Ensino e Steg fanlle entrega ao conselleiro dunha solicitude de reunión que permita desconvocar as folgas deste mes e negociar melloras laborais
Delegados e delegadas de ambas organizacións concentráronse ás portas do Pazo de Congresos para abordar a Román Rodríguez persoalmente tras máis de dous meses de silencio por parte da súa Consellaría ante as demandas e mobilizacións do profesorado.
Durante a conversa, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, insistiulle a Román Rodríguez en que analice todos os puntos que ou ben non se recollen no Acordo de melloras ou ben o fan de forma insuficiente e moi retrasada no tempo e que nestes momentos coinciden coas reivindicacións do persoal docente e de familias e alumnado.
A CIG-Ensino e STEG, que representan a maioría do profesorado galego, deron hoxe un paso máis para intentar desbloquear o inicio dunhas negociacións que permitan recuperar os dereitos recortados ao persoal docente nos últimos 15 anos e avanzar noutros que demanda imperiosamente a comunidade educativa, como a baixada de ratios ou a maior dotación de especialistas para atender a diversidade. Ante o mutismo da Consellaría tras dous meses de mobilizacións e a convocatoria doutras dúas xornadas de folga para os días 16 e 17 de decembro, esta mañá un grupo de delegados e delegadas sindicais concentráronse en silencio, emulando o que recibiron por parte da Consellaría de Educación neste tempo, diante do Pazo de Congresos de Santiago a onde acudiu Román Rodríguez a clausurar unhas xornadas.
Á súa chegada as responsábeis das dúas organizacións fixéronlle entrega dos escritos que lle levan remitido desde o inicio das mobilizacións insistindo en que analice o seu contido e que convoque unha reunión que permita desconvocar estas mobilizacións e iniciar unha negociación real sobre as condicións laborais docentes. Román Rodríguez, pola súa banda, respondeu que o seu departamento “respecta” o acordo que asinaron con outras organizacións e que ese é o seu marco de diálogo, obviando que queda fóra a maioría sindical saída das urnas. A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, incidiu en que as negociacións que se realicen non poden ser no ámbito da comisión de seguimento dun acordo que non foi respaldado pola maioría do profesorado e que a Consellaría incumpre e lembroulle que hai moitos puntos que están na táboa reivindicativa das mobilizacións deste curso que non están recollidos no Acordo de melloras ou que se prevé a súa negociación ou aplicación a longo prazo. Por este motivo Arroxo insistiu en que estude todos eses puntos tras entregarlle en man o escrito ao conselleiro.
Xornadas con polémica
A concentración e o encontro entre as dúas organizacións convocantes da folga e o conselleiro tivo lugar antes do acto de clausura dunhas xornadas que están precedidas de certa polémica tras a publicación dun comunicado por parte da Asociación Galega de Orientadoras do Ensino Público no que criticaban á Consellaría por empregar o teléfono privado destas profesionais para convidalas a asistir “malia que o evento xa fora comunicado a través do correo corporativo e mediante chamadas aos centros de secundaria”. A CIG-Ensino, á que tamén lle chegaron queixas de persoas deste colectivo, comparte esta denuncia dado que o uso do teléfono particular para promocionar un acto da Consellaría pode contravir a normativa de protección de datos e non está directamente relacionado coas funcións que desempeñan estas profesionais nos centros educativos galegos.
A FP acelerada, convenios con Amazon e o servilismo ás empresas
As xornadas que clausurou o conselleiro estaban dirixidas a promocionar as formacións profesionais aceleradas que puxo en marcha o seu departamento este curso, nalgúns casos sen chegar a ofertarse por falta de matrícula e noutros con moi pouco alumnado. Trátase, segundo a propia Consellaría, “dunha formación concentrada en poucos meses para mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral en sectores concretos que precisan profesionais para traballar”. Co deseño destas formacións á carta para as empresas a FP galega dá un paso máis ao servizo das mesmas, sen facer unha análise en profundidade sobre se o que se oferta entra dentro da estratexia de economía sostíbel do noso país e, sobre todo, sen preguntarse por que non son as propias empresas as que asumen esta formación se tanta demanda teñen de profesionais e ademais recibindo a cantidade inxente de fondos que seguen recibindo para formación do seu persoal.
Esta mesma mañá no CIFP Politécnico de Santiago tamén se presentou o programa Amazon Web Services Academy que se vai incorporar aos centros educativos e que foi presentado polo propio presidente Rueda recentemente nun acto inaudito de publicidade para esta multinacional tecnolóxica. Curiosamente en ningún momento desa presentación o titular da Xunta deu ningún tipo de información sobre en que consiste o convenio de colaboración entre ambas entidades, mentres que noutras comunidades autónomas outros responsábeis políticos indicaron abertamente as cantidades económicas que as administracións ían destinar a estes servizos. A única información pública que se deu a coñecer ese día sobre os detalles do convenio é que terá unha vixencia de catro anos prorrogábeis por outros catro e que terá como obxectivo o intercambio de coñecemento, a formación e os recursos dixitais. Sorprende a relevancia mediática e social que se lle deu a esta sinatura, coa presenza de Rueda e do conselleiro Rodríguez no acto e os escasos detalles sobre a colaboración de cada unha das partes a 8 anos vista.
Novas relacionadas

