CIG Ensino e ASPG poñen en aberto as videoconferencias das XXIII Xornadas de Educación Infantil

Tiveron lugar na última fin de semana de febreiro

Durante estas xornadas achegáronse recursos para traballar na etapa de educación infantil e intercambiáronse experiencias innovadoras de distintos centros de ensino.

Na quenda de mañá,  Mª Teresa Neira González, mestra especialista en educación infantil no CEIP Pío XII, creadora de Recursos Educativos Abertos para o proxecto EDI, deunos a coñecer os fundamentos e piares da teoría construtivista e as etapas polas que pasa o alumnado no proceso de adquisición da lingua escrita na súa ponencia Ler e escribir. Cando e como. Tamén na quenda matutina interviu Alba María, filóloga, cantora, produtora e improvisadora oral, que nos ensinou as claves para ser unhas boas regueifeiras.

Pola tarde,  Mónica Corbacho Varela, mestra no CEIP Outeiro das Penas, centrou a súa intervención na aprendizaxe matemática; Rocío Castro; Beatriz Frontela e Nerea Cotelo, mestras do CEIP Fogar, ofrecéronnos información sobre a educación multisensioral e, por último, Carlos Rodríguez Calvente, especialista en Educación infantil do CEIP de Vilariño de Conso e orientador no CEE Manuel López Navalón falou sobre o proxecto Cholo e Nela para o fomento do galego na educación infantil.

Volver