
CIG-Ensino e as patronais do sector da discapacidade AEDIGAL e INRED acadan o compromiso de constituír a mesa de negociación para un convenio galego
Os tres axentes, maioritarios no sector en Galiza, acudirán ao CGRL (Consello Galego de Relacións Laborais) para que abra o marco galego de negociacións, convocando ás partes social e patronal, e dirixa e colabore no proceso.
A CIG-Ensino vén reivindicando historicamente un Marco Galego de Relacións Laborais no sector da atención á discapacidade, máis cando rematan as negociacións do convenio estatal (neste caso xa o XVI) que, de forma sistemática, non dan resposta ás reivindicacións e necesidades dos distintos centros de traballo (asistenciais, de emprego e educativos) e de todo o seu persoal traballador (condicións laborais, sociais e salariais dignas).
Con este fin, ao longo do mes de abril responsables do sindicato e unha “comisión negociadora” de 4 delegados/as electos/as na asemblea de delegados/as dun total de 71, que fan da CIG o maioritario no sector, mantiveron reunións coas patronais AEDIGAL (Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenrolo de Galicia) e INRED (Asociación Empresarial Galega de Entidades da Discapacidade Intelectual e Afíns), tamén maioritarias. Froito desas xuntanzas acadouse o compromiso de constituír a futura mesa de negociación na Galiza “por un convenio galego”, como garante da mellora da calidade do servizo e dunhas condicións dignas laborais e salariais para todo o persoal traballador.
A CIG fará os trámites para que o Consello Galego de Relacións Laborais, en representación da administración que ten as competencias, abra o marco galego de negociacións convocando en función da súa representatividade ás partes patronal e social para poder acadarmos o “ I convenio galego de atención á discapacidade ”.
Nos encontros analizáronse coincidencias e puntos en común nos que confluír de cara a facer fronte á Xunta, que ten plenas competencias neste ámbito, para que poña os coidados das persoas na prioridade das súas políticas públicas e sociais. En primeiro lugar o máis urxente é incrementar o investimento nestes centros sen ánimo de lucro co obxectivo de crear unha única rede pública e un convenio galego digno para o sector da discapacidade, como garante dun mellor servizo de calidade e unhas condicións laborais e salariais dignas para o seu persoal, no que se desterre a privatización mercantilista deste servizo social, público e esencial. A modo de resumo os temas expostos por AEDIGAL e INRED, coincidentes coa CIG, foron:
- Unha maior calidade na atención a usuarios/as: menos ratios, mellores condicións laborais e salariais para o persoal traballador, máis persoal na atención directa...
- Mellorar as condicións salariais de forma inmediata cun Complemento Salarial Galego e camiñar cara un I Convenio Galego do sector no que se involucre a administración galega e que dea resposta ás necesidades e características dos centros e do persoal traballador galego, ás que non dá o XVI convenio estatal de atención á discapacidade.
- Mellorar o Concerto Social para que atenda, cubra e protexa a todas estas entidades asociativas que xestionan estes servizos esenciais, que é responsabilidade da administración, sen ningún ánimo de lucro, e non permitir a mercantilización destes servizos de coidados coa entrada interesada da empresa privada (exemplos como DomusVI, Clece...). Unificar e dignificar os prezos módulo-praza segundo o tipo de servizo dado polo centro e que sexan revisables anualmente.
- Crear unha Mesa Tripartita do sector da discapacidade na que as tres partes: social, patronal e administración formen parte e negocien as decisións máis acaídas para que Galiza sexa un referente na atención ás persoas con diversidade funcional.