CIG-Ensino e a Mesa denuncian que a combinación da LOMCE co Decreto de Plurilingüismo foi “explosiva” para o galego
A presenza da nosa lingua no ensino secundario é inferior ao 15%
Segundo explicou Anxo Louzao, as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE, supoñen unha nova e acrecentada discriminación da nosa lingua respecto á contemplada no decreto 79/2010. “Este decreto estabelecía as materias que se debían impartir en lingua galega e en lingua castelá na ESO, cun total, nos catro cursos, de 25 horas en lingua española e 24 horas en lingua galega”, explicou.
Porén, denunciou, “esta discriminación dispárase agora, pois o alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas”. Esta distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español, na modalidade de ensinanzas aplicadas, e 10 menos nas académicas.
Diante desta situación, o pasado 29 de setembro de 2016, a CIG-Ensino dirixiuse ao conselleiro de Educación para deixar constancia das inmediatas consecuencias da aplicación da LOMCE: incremento da españolización e redución do ensino en galego. Xunto a isto, na Mesa Sectorial do 11 de outubro incidiu novamente na necesidade de “desfacer este novo atropelo á nosa lingua”, sen que até agora a Consellaría emprendese ningunha modificación do Decreto 79/2010 para desfacer esta discriminación.
Atendendo a isto, Louzao denunciou que “a política lingüística da Consellaría está asentada non só na discriminación, senón tamén na persecución do noso idioma como lingua vehicular do ensino”, porque é perfectamente coñecedora de que hoxe “nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega” e de que a imposición do decreto 79/2010 está dando os froitos previstos pola Consellaría, “minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística”.
Informes do Comité de Expertos para a Carta Europea das Linguas
Neste sentido, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegurou que a intención de “igualar” o ensino das linguas manifestada no decretazo “é falsa”, tal e como sinalou o Comité de expertos para a Carta Europea das Linguas en dous informes sucesivos (2011 e 2015). No último, mesmo pasando as recomendacións do Comité de Ministros que sinalan que a introdución dunha terceira lingua non poden ir en detrimento da propia.
Maceira acusou ademais a Xunta de Galiza de tratar de cargar sobre pais e nais a responsabilidade da adquisición de mínimas competencias en galego, e mesmo inutilizar a pouca distribución horaria favorábel ao galego o que, lembrou, “motivou a supresión da enquisa ou de elección individual de lingua a utilizar nas aulas polo TSXG”. Sentenza que, ademais, recollía como garantía para manter a igualdade, a avaliación sobre o decreto no propio decreto, descoñecida até hoxe, e sen datos públicos de ningún tipo.
O estudo e recurso da CIG-Ensino, segundo o Presidente da Mesa “demostran outra vez a verdadeira intención de converter o galego en residual no ensino en Galiza”. Un obxectivo que foi denunciado xa desde o principio pola comunidade educativa a través de Sindicatos, ANPAS, MRPs, organizacións estudantís, Consello Escolar de Galiza, Consello Consultivo, e mesmo en dúas ocasións polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas. A última, segundo lembrou Maceira, en 2015, que mesmo valeu unha recomendación do Comité de Ministros do Consello sinalando que “ a introdución dunha terceira lingua non pode ir en detrimento da propia”.
Europa a favor dunha lingua propia
Maceira lembrou os esforzos sociais realizados para evitar esta situación con mobilizacións en demanda de que se respectasen e se cumprisen os acordos, entre os que salientou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos de 1996, promovida pola UNESCO ou a Carta Europea, mais tamén acordos nacionais como o PXNLG. “Todos eles ratificados nunha declaración conxunta promovida pola Mesa o 15 de xullo de 2015 por todos os partidos con representación en Galiza, tamén co PP”.
Porén, diante dos incumprimentos reiterados da normativa e a “persecución” á que está sometida a nosa lingua por parte da Consellaría, anunciaron a convocatoria de mobilizacións, nomeadamente dunha concentración para o día 14 de decembro diante da propia Consellaría de Educación na que demandarán a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo, “por supor unha involución no marco xurídico e no uso do idioma” e a elaboración dunha nova norma que camiñe cara á plena normalización lingüística no ensino.
En todo caso, e mentres non se derrogue o Decreto 79/2010, exixen que se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español; unha actuación urxente para adecuar e ampliar as áreas que hai que impartir en lingua galega e levantar o veto de impartir en galego Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía.