CIG-Ensino critica a xestión da Consellaría nas listaxes de destinos provisionais e nos prazos para se anotar para facer substitucións

Erros na xestión e apuros electorais

Mentres que as listaxes de profesorado obrigado a participar no CADP conteñen graves erros coa incorporación de persoal que xa ten destino definitivo ou de persoal substituto sen consolidar, a apertura de listas de substitucións no día de hoxe deixará fóra a centos de persoas que non darán tramitado a titulación de Grao ou Mestrado

Desde a CIG-Ensino puxémonos en contacto no día de onte, 30 de xuño, coa Consellaría para advertir do erro de incorporar nas listas do CADP a profesorado actualmente en prácticas mais que xa acadou un destino definitivo que ocupará con data 1 de setembro.

Tamén tivemos coñecemento de que nalgunha lista do corpo de mestres aparecen persoas que non terían consolidado o seu posto ao non teren traballado e malia iso aparecen como obrigadas a participar.  A maiores hai tamén algúns erros nas listas do corpo de mestres como profesorado que no aparece na especialidade na que aprobou a oposición e si aparece en primaria. A CIG-Ensino solicitou que se corrixan os erros á maior brevidade posíbel.

Ligazón á publicación de todas as listaxes previas ao CADP

A apertura de listaxes de substitucións penaliza a quen está a rematar o Grao ou o Mestrado neste momento

Súmase a esta constante improvisación por parte da Consellaría de Educación a apertura de varias listaxes de substitucións con prazo de presentación até o 15 de xullo, data en que dificilmente moito alumnado das distintas facultades de Educación ou de Mestrados de Secundaria poderán ter os seus títulos para sumarse a estas listas. O menos que de debe agardar dunha administración eficiente é que estea coordinada, neste caso coas tres universidades galego e os calendarios de peche de actas que permite que se poda alegar a titulación necesaria para impartir docencia.  Que isto se faga neste momento, cando non vai haber incorporación a postos de traballo, é un desprezo cara estes futuros profesionais que, deste xeito, quedarán sen posibilidades de se incorporar a facer substitucións para o curso 2020/21. Desde a CIG-Ensino demandamos da Consellaría que se estenda o prazo para poder incorporar, cando menos, ás persoas que titulen neste mes.

Ligazón a toda a información sobre a apertura das listaxes

Volver