CIG-Ensino convoca concentración contra os recortes de profesorado e o aumento de ratios

A mobilización responde á intención da Consellaría de buscar por todos os medios unha redución do persoal docente que foi contratado neste curso

Tirando tabiques, reducindo a distancia entre alumnado ou aumentando as ratios para desfacer o único beneficio que se viviu neste curso escolar marcado pola covid-19 nos centros educativos. Estes son os feitos da estratexia fixada polos responsábeis políticos de Educación xa desde finais do ano 2020 e que a CIG-Ensino denunciou reiteradamente. Contra eles o sindicato maioritario no ensino público promove este mércores 9 de xuño unha concentración diante da sede da Consellaría en San Caetano. 

Máis de 1.350 postos de traballo están no aire cos cambios que pretende introducir a Consellaría de Educación e para o que se está servindo de instrucións moi concretas da Inspección Educativa. No caso de ESO e Bacharelato nalgúns casos dise que a medida a ter en conta será 1,20m entre cabezas do alumnado (fronte ao 1,50m con carácter xeral deste curso). Noutros casos xa se fala directamente de 1m e mesmo algunha indicación vai máis alá e indica directamente que se fagan os cambios precisos e que se prepare o próximo curso escolar como un curso “normal”, recuperado as avultadas ratios de 30 na ESO e 35 no Bacharelato. O obxectivo: reducir profesorado, a costa do que faga falta.

En Infantil e Primaria, a Consellaría non se comprometeu publicamente a non superar “en ningún caso”, como demanda a CIG-Ensino, as ratios que se aplicaron neste curso que agora remata. Esas ratios, que partían da falacia dos “grupos burbulla” e que provocaron que permanecesen as aulas ateigadas con 25 nenos e nenas, poderían empeorar se a Consellaría dá marcha atrás na decisión adoptada neste curso de desdobrar aulas se se superan os 25 alumnos e alumnas por aula. Lembremos que esta ratio, teoricamente máxima, non o é se contamos alumnado repetidor ou desprazado por cambio de residencia e que se matricula con posterioridade ao peche da matrícula. Nesa situación estaban, segundo información da propia Consellaría, 144 aulas de Infantil e Primaria no conxunto do país. 

Nestes cálculos dos recortes de docentes só temos en conta aquel profesorado que foi contratado para facer fronte a desdobres de aulas e que Educación computa en 1.350. A cifra podería ser moi superior en función de se reducen ou non os programas específicos de reforzo (ARCO ou PROA+). 

A concentración nace do convencemento da necesidade de, como mínimo, manter ratios e docentes deste curso escolar para o próximo e así dar resposta aos efectos de dous cursos moi complicados que teñen que ter un efecto de recuperación e reforzo co noso alumnado para o 2021/22. Ao profesorado non lle valen os discursos ocos de agradecemento de Feijóo: quere feitos, e estes pasan por non volver ás andadas coa consabida política de recortes de dereitos e de condicións dignas para un ensino de calidade.

 

Concentración contra os recortes de profesorado e o aumento de ratios

Documento


Volver