CIG-Ensino apela directamente á conselleira a que abra de inmediato a negociación da planificación para o vindeiro curso

Nestes momentos Galiza está a quedarse atrás dentro do marco estatal nun asunto que mantén en vilo a profesorado, persoal non docente a familias, e que non pode deixarse nas mans da improvisación ou de tácticas electorais.

Dúas semanas despois da última Mesa Sectorial, na que non se abordaron as medidas coas que Galiza vai afrontar o vindeiro curso, o secretario nacional da CIG-Ensino vén de urxir por carta a Carme Pomar a que poña enriba da mesa unha proposta para o desenvolvemento do curso 2020/21, que debe pasar polo aumento do profesorado e a diminución das ratios como principais garantías sanitarias para toda a comunidade educativa.

Esgotados todos os prazos prudenciais que tiña a administración para presentar un Plan de medidas laborais, educativas e sanitarias para o vindeiro curso, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de remitirlle unha carta á conselleira de Educación, Carme Pomar, apremándoa a negociar esa planificación canto antes. Na misiva lémbralle que así o comprometeu o director xeral de Educación e FP na última Mesa Sectorial convocada exclusivamente para falar da Orde que regula o calendario escolar 2020/21.  “Co convencemento firme de que o profesorado galego non entendería que a titular da Consellaría se negase a negociar, en nome da CIG-Ensino demando que á maior brevidade posíbel, se convoque unha reunión para debater todo o relacionado co curso escolar 2020/21. Precisamos falar de diminución de ratios, aumento do profesorado, protocolos nos centros educativos, dotación de material, dispensas, medidas a tomar no caso de rebrotes… En definitiva, preparar o vindeiro curso que, como ben sabe, non é un curso calquera”, reza o documento. 

Nestes momentos, a parálise da Consellaría de Educación é unha excepción no marco estatal, despois de que a maior parte das comunidades comezaran as negociacións para un comezo de curso que ten que poder prepararse coa suficiente antelación por parte da administración, das equipas directivas e do profesorado en xeral. Nestes momentos a comunidade educativa e as familias están pendentes e preocupadas ante unha parálise que entendemos que responde exclusivamente a tácticas electorais. Pero o ensino público galego precisa tranquilidade, rigor e planificación e non pode seguir secuestrado e a mercede dos cálculos e estratexias elctorais do Partido Popular.

Asina a nosa campaña para esixirlle á Consellaría a negociación da planificación do vindeiro curso de forma inmediata. Máis información na ligazón inferior.

 

Volver