CIG e ELA presentan recurso na Audiencia contra o Goberno e os sindicatos españois por vulnerar o dereito á negociación colectiva

A Lei da Estatuto Básico do Emrpegado Público (EBEP) estabelece que as cuestións retributivas deben ser negociadas na Mesa xeral na que tamén participan CIG e ELA, na súa condición de sindicatos máis representativos.

A Área Pública da CIG compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar a presentación dun recurso -de maneira conxunta co sindicato ELA- na Audiencia Nacional contra o Goberno español e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF por vulneración do dereito á negociación colectiva, ao ter negociado e asinado un acordo salarial á marxe da Mesa xeral das administracións públicas.

O secretario da CIG-Administracións e voceiro da Área Pública, Luís Carballo, lembrou que antes de recibir a convocatoria da Mesa xeral das administracións públicas do pasado 1 de decembro, o Goberno español e estes tres sindicatos xa negociaran e procederan á sinatura pública dun acordo retributivo para o todo o persoal empregado público.

Porén nesta negociación tiñan que teer participado CIG e ELA, na súa condición de sindicatos máis representativos. “Entendemos que con esta maneira de proceder estase vulnerando o dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical de milleiros de persoas traballadoras do sector público en Galiza e Euskal Herria, onde a CIG e ELA son primeira forza", explicou Carballo.

Por esta razón, engadiu, ambas centrais sindicais "decidimos acudir á xustiza para que se declare a nulidade plena do acordo e se ordene o cese desta vulneración”.

O representante sindical deixou claro que a nulidade do acordo non implicaría en ningún caso o decaemento do Real Decreto-Lei que dá soporte legal ao pacto e que garante a aplicación das condicións retributivas recollidas no mesmo. “Pero si que obrigaría a convocar, inmediatamente, a Mesa xeral do persoal empregado público, coa representación maioritaria, onde estarían CIG e ELA, e aí si teríamos capacidade de presentar propostas para mellorar o acordo”, apuntou.

De conseguirse avances nesa negociación, “despois solicitaríase a actualización do RD-Lei para incorporar as condicións máis beneficiosas dese hipotético acordo e garantir a súa aplicación”.

Carballo salientou que están constatadas cando menos sete reunións previas a alcanzar o acordo e denunciou que “ademais se ratificou antes da convocatoria da Mesa xeral de negociación, que é o ámbito legal onde se tería que realizar e, por suposto, onde se ten que ratificar. Principios que en ningún momento deste proceso se respectaron, vulnerando o dereito á negociación colectiva”.

 

Volver